
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) iniciará o vindeiro mércores, na aula CeMIT de Ponteareas, unha nova edición das sesións formativas para fomentar un Nadal máis seguro na Rede.
As actividades terán unha duración aproximada de hora e media e celebraranse en horario de mañá ou de tarde, entre as 9:00 e as 18:00 horas, en 25 concellos galegos. As datas e as aulas nas que se impartirá a formación poden consultarse na web da Rede CeMIT.
O incremento das compras por Internet durante a campaña do Nadal leva a Rede CeMIT a impulsar, un ano máis, esta iniciativa para axudar a identificar posibles riscos e adoptar hábitos dixitais máis seguros.
As sesións ofrecerán recomendacións para realizar compras en liña con seguridade, detectar páxinas web e ofertas sospeitosas e recoñecer fraudes relacionadas con promocións comerciais, sorteos, loterías, mensaxes falsas e outras estafas frecuentes nestas datas.
A formación tamén prestará atención aos agasallos tecnolóxicos, con pautas para configurar e utilizar de forma segura os xoguetes intelixentes e outros dispositivos conectados.
Esta edición mantén o enfoque práctico das anteriores actividades de ciberseguridade da Rede CeMIT e incorpora novos escenarios de fraude, exemplos actualizados e consellos adaptados ás ameazas dixitais actuais. Os asistentes tamén coñecerán recursos e ferramentas de consulta que lles permitirán reforzar a súa protección no día a día.
