
A Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e a empresa estatal INECO coordinaron a semana pasada na Ribeira Sacra a campaña de voos e-Conspicuity/GNSS de EuroControl, fixérono co obxectivo de probar e validar tecnoloxías que contribuirán ao desenvolvemento seguro das operacións avanzadas con drons en Europa.
Durante tres xornadas de ensaios, os operadores e entidades participantes realizaron voos en diferentes escenarios para recompilar datos sobre o comportamento de tecnoloxías de visibilidade electrónica (eConspicuity) e sistemas de axuda á navegación baseados en sinais GNSS.

Segundo informaron AESA e máis INECO, esta campaña marcou “un fito” ao xestionarse a primeira autorización de volume de espazo aéreo temporalmente segregado (TSA, Temporary Segregated Airspace) por motivo de innovación (sandbox), a iniciativa da Dirección Xeral de Aviación Civil (DGAC).
A campaña de voos englobouse no marco do proxecto ESCAI, liderado por INECO, e contou co apoio de EuroControl, organismo que analizará e procesará os datos obtidos durante os voos.
As actividades operativas leváronse a cabo en tres emprazamentos da Ribeira Sacra: a Finca Millara, o Aeródromo do Cadaval e o Miradoiro de Triguás. A campaña contou co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Parada de Sil, cuxa colaboración facilitou a organización loxística durante as xornadas de ensaios.
A elección de Ribeira Sacra responde as particularidades da súa contorna e á posibilidade de desenvolver diferentes tipos de operacións nun espazo que combina áreas rurais, orografía complexa e distintos perfís de voo. “Estas características fan que se poidan extrapolar os resultados obtidos neste enclave a case o 80% do territorio nacional”, informou AESA, engadindo que España estase a consolidar como contorna de referencia para este tipo de demostracións “por contar cunha ampla experiencia no ámbito dos sistemas aéreos non tripulados, un marco regulamentario consolidado e un rede industrial e tecnolóxica profesionalizada”.

A campaña reuniu a administracións públicas, organismos europeos, operadores nacionais de UAS, centros tecnolóxicos e provedores de servizos aeronáuticos.
Nela participaron os operadores Aeromedia, FuVeX, Bluenest, INECO e UMILES, así como as unidades aéreas do Servizo de Vixilancia Aduaneira, Policía Nacional e Guardia Civil.
Pola súa banda, INECO instalou antenas en terra que proporcionan a conspicuidade (visibilidade) aire-terra na Ribeira Sacra, co obxectivo de “xerar a contorna propicia para futuras operacións de aviación xeral e UAS cunha maior complexidade”.
Ademais, AXPA facilitou os mapas de cobertura eConspicuity para a realización das operacións.
Salientar tamén a colaboración de Enaire e o Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, que puideron validar distintas solucións operativas no marco dos ensaios.

AESA, xunto con INECO, asumiu a coordinación da campaña de voos, facilitando e organizando a participación dos distintos actores implicados, así como a execución dos ensaios en diferentes emprazamentos operativos.
A través deste tipo de iniciativas, AESA promove a creación das condicións necesarias para que a industria poida probar e validar novas capacidades operativas de forma segura e ordenada.
Os resultados obtidos servirán para ampliar coñecemento sobre o comportamento destas tecnoloxías en condicións reais e contribuirán a impulsar operacións máis complexas e novos modelos de negocio con drons en España.
