
O uso da Internet entre os maiores de 74 anos pasou do 17,6 % en 2021 ao 34,5 % en 2025, case o dobre. Entre os galegos de 65 a 74 anos, o 77,4 % utilizou a Rede nos tres meses anteriores á elaboración do estudo.
Así o recolle o informe Seniors Dixitais. Edición 2025, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Os datos reflicten o avance da dixitalización entre a poboación de máis idade, tanto no acceso á Rede como no emprego dos servizos electrónicos e na mellora do equipamento dos fogares.
En 2025, a porcentaxe de usuarios da Internet de entre 65 e 74 anos medrou 2,6 puntos respecto ao ano anterior, ata o 77,4 %. Entre os maiores de 74 anos, o aumento foi de 5,1 puntos, ata situarse no 34,5 %.
O teléfono intelixente segue a ser o dispositivo máis utilizado. Empregan este tipo de aparellos o 82,6 % dos internautas de 65 a 74 anos e o 44,1 % dos maiores de 74. As tabletas tamén gañan presenza, cun uso do 21,1 % e do 7,8 %, respectivamente.
Os servizos dixitais máis empregados
As chamadas e as videochamadas figuran entre os usos máis habituais da Internet: recorre a elas o 83,9 % dos internautas de 65 a 74 anos e o 79,2 % dos maiores de 74. A lectura de noticias en liña tamén mantén unha presenza destacada, cunha porcentaxe do 78,5 % no primeiro grupo e do 60 % no segundo.
A banca electrónica é utilizada polo 68,2 % dos internautas de 65 a 74 anos e polo 47,8 % dos maiores de 74. A cita médica a través dunha web ou aplicación tamén está estendida, cunha utilización do 58 % e do 43,5 %, respectivamente.
A administración electrónica rexistra un dos avances máis destacados. O 70 % dos internautas de 65 a 74 anos xa utiliza estes servizos, mentres que entre os maiores de 74 a porcentaxe aumentou 12,4 puntos e alcanzou o 53 %, o valor máis elevado da serie.
Aumentan as compras pola Internet
O comercio electrónico tamén avanza entre a poboación sénior galega. O 34,7 % dos usuarios da Internet de 65 a 74 anos comprou algún ben ou servizo en liña nos doce meses anteriores ao estudo, 8,9 puntos máis que o ano anterior.
A evolución desde 2021 é aínda máis significativa: a porcentaxe pasou do 15,8 % ao 34,7 %, polo que máis que se duplicou en catro anos. Entre os internautas maiores de 74 anos, as compras en liña representan o 18,2 %, fronte ao 17,3 % rexistrado en 2024.
Mellora o equipamento dos fogares
O 69,9 % dos fogares galegos con persoas maiores de 74 anos ten contratada unha conexión a Internet, 2,3 puntos máis que en 2024 e 9,8 puntos por riba da cifra de 2021.
A presenza de ordenadores tamén medra: o 50,6 % destes fogares dispón de algún equipo, unha proporción que supera por primeira vez a metade do total. Ademais, o 34,7 % conta cun televisor intelixente e o 23,6 % dispón dunha tableta ou PDA, 5,3 puntos máis que no ano anterior.
A velocidade das conexións tamén mellora. Entre os fogares con maiores de 74 anos que teñen Internet, o 63,8 % dispón dunha conexión de polo menos 100 Mbps, 11,9 puntos máis que en 2024. Se se toma como referencia o limiar dos 30 Mbps, a porcentaxe ascende ao 84,4 %.
