
Nos últimos días o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co presidente de Microsoft España, Paco Salcedo, durante unha visita deste último a Galicia, para explorar posibles vías de colaboración en transformación dixital, intelixencia artificial e desenvolvemento tecnolóxico.
Na reunión, na que tamén participou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, abordáronse distintas liñas de traballo entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e Microsoft.
Entre as cuestións tratadas figuran a aplicación de ferramentas de intelixencia artificial na Administración autonómica, a identificación de oportunidades para desenvolver infraestruturas de datos en Galicia e a incorporación do galego ás ferramentas de intelixencia artificial de Microsoft.
O encontro tamén serviu para analizar posibles iniciativas de formación en intelixencia artificial responsable e para aplicar estas tecnoloxías no ámbito educativo, en consonancia coas actuacións impulsadas en Galicia para avanzar na dixitalización e reforzar as competencias tecnolóxicas.
