
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou este martes en Ourense na presentación das conclusións do 3º Observatorio CEO sobre capital humano, titulado Intelixencia Artificial e o futuro da xestión de persoas. Acompañada polo presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez, destacou que a intelixencia artificial pode transformar os procesos, pero son as persoas as que transforman as empresas. Por iso, considerou fundamental mantelas no centro para garantir o benestar laboral, a inclusión e a sustentabilidade.
Durante a súa intervención, Vázquez Guzmán apostou por impulsar a formación, a calidade do emprego e a inserción laboral dos colectivos prioritarios como parte da estratexia empresarial, do Diálogo Social e das políticas públicas de emprego.
A directora xeral referiuse tamén aos orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, presentados o luns no Parlamento polo conselleiro José González. Segundo indicou, buscan evitar que alguén quede atrás no proceso de transformación tecnolóxica e converter este cambio nunha oportunidade para mellorar a competitividade, impulsar a actividade económica e xerar emprego inclusivo e de calidade.
