
O PSM Research Team, enmarcado no grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), viaxou a pasada semana a Taipéi (Taiwán) para asistir á 13ª Conferencia Bienal RIPE, en palabras da USC “o encontro bianual máis importante do mundo sobre os medios públicos”.
Os membros do equipo galego estiveron en Taipéi do 20 ao 23 de outubro. Durante catro días, investigadores de todo o mundo compartiron os seus traballos relacionados con políticas públicas sobre medios públicos e debateron sobre o seu futuro.
En concreto, os integrantes do equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) participaron en diferentes sesións e mesas de debate sobre a regulación da contorna dixital, a gobernanza da intelixencia artificial e a autonomía dos medios de servizo público.
Presenza de destacados investigadores
O encontro contou coa presenza de destacados investigadores, como David Jordan, director de Estándares e Política Editorial da BBC, encargado de abrir a conferencia; Maria Michales, profesora Westminster University de Londres; Maraos, Hakka TV (televisión indíxena de Taiwán); Gregory Farrell Low, director do congreso, histórico e referente estadounidense na investigación dos medios públicos e na actualidade traballador da Northwestern University de Qatar; Nobuto Yamamoto, da Universidade de Keio, así como o ministro de Cultura de Taiwán, Tsai-Yen Li.
A conferencia estivo organizada polo medio público PTS de Taiwán, onde se celebrou a primeira xornada e pola National Chengchi University, onde se celebraron as xornadas do xoves e o venres.
As achegas do equipo galego

Marta Rodríguez Castro presidiu o Grupo de Traballo 1, centrado nas dinámicas políticas, a captura dos medios de comunicación e a autonomía dos medios de servizo público. Ademais, presentou dúas investigacións: Entre os estándares europeos e as realidades nacionais: avaliación do impacto da Lei Europea de Liberdade dos Medios de Comunicación (EMFA) nos medios de servizo público españois e máis A regulación dos medios de servizo público en Europa na sociedade dixital: estándares de contido, rendición de contas e transparencia algorítmica.
Pola súa banda, Tania Fernández Lombao presentou tres traballos: A regulación dos medios de servizo público en Europa na sociedade dixital: estándares de contido, rendición de contas e transparencia algorítmica; Entre os estándares europeos e as realidades nacionais: avaliación do impacto da Lei Europea de Liberdade dos Medios de Comunicación (EMFA) nos medios de servizo público españois; e máis Estamos aquí! Recuperar a lexitimidade dos medios de servizo público para a xeración Z en contornas dominadas polas plataformas dixitais.
O investigador Martín Vaz Álvarez presentou o traballo Gobernar a intelixencia artificial nos medios de servizo público europeos: estratexias institucionais, mandatos democráticos e presións das plataformas, un estudo sobre a gobernanza da intelixencia artificial, os mandatos democráticos e as estratexias institucionais nos medios públicos europeos. A súa investigación Enfoques éticos e de gobernanza da intelixencia artificial nos medios de servizo público europeos tamén aborda estas cuestións. Así mesmo, é coautor do traballo Entre os estándares europeos e as realidades nacionais: avaliación do impacto da Lei Europea de Liberdade dos Medios de Comunicación (EMFA) nos medios de servizo público españois.
Pola súa banda, Sara Pérez Seijo centrou a súa presentación nos enfoques éticos e a gobernanza da intelixencia artificial nos medios de servizo público europeos, a través do traballo Enfoques éticos e de gobernanza da intelixencia artificial nos medios de servizo público europeos.
As conclusións
As conclusións dos seis grupos de traballo nos que se estruturou o congreso apuntan a “unha clara necesidade de que os medios públicos desenvolvan estratexias orientadas á recuperación da confianza da cidadanía”. Así, nun contexto marcado polo cuestionamento da súa continuidade ou alcance, “os medios públicos deben operar con autonomía e independencia (política, económica e tecnolóxica) e buscando a creación de valor público para gañar ou recuperar a confianza da cidadanía, da esfera política e da sociedade civil”, indicaron.
