
Salvador Naya Fernández, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC, foi nomeado membro do Consello Asesor Científico (Scientific Advisory Board) de Open Research Europe (ORE), a plataforma pública de publicación científica en acceso aberto impulsada pola Comisión Europea e un conxunto de axencias nacionais de financiamento da investigación.
O nomeamento recoñece a traxectoria científica do investigador da UDC e o seu compromiso co avance da ciencia aberta. Naya formará parte deste órgano independente durante un período de tres anos, renovable por outros tres, xunto con outros 21 investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio internacional e procedentes de distintas disciplinas científicas.
Segundo lembra a UDC, a nova composición do Consello Asesor Científico foi seleccionada entre máis de 400 candidaturas, “mediante un proceso que valorou a excelencia e a traxectoria científica, a experiencia editorial e en avaliación da investigación, e o compromiso coa ciencia aberta”. A selección tamén tivo en conta o equilibrio entre disciplinas, xénero e etapas da carreira investigadora.
Un órgano clave para o desenvolvemento da ciencia aberta en Europa
Dende a Universidade da Coruña engaden que o Consello Asesor Científico desempeñará “un papel relevante na nova etapa de Open Research Europe, contribuíndo a garantir a integridade da plataforma e orientando a súa gobernanza e evolución estratéxica”.
Entre as súas funcións figuran o asesoramento sobre políticas editoriais, directrices para autores e revisores, normas éticas e procesos de revisión por pares, así como a análise de cuestións relacionadas coa transparencia e coa posible mala conduta científica.
O órgano tamén asesorará sobre a sustentabilidade da plataforma, o desenvolvemento de novos servizos e as oportunidades de colaboración, tendo en conta as necesidades e particularidades das distintas áreas de coñecemento.
Open Research Europe promove un modelo de comunicación científica baseado no acceso aberto, na publicación gratuíta de resultados de investigación financiada con fondos públicos e na revisión aberta por persoas expertas. O seu obxectivo é favorecer unha difusión máis transparente, accesible e temperá do coñecemento científico.
O compromiso da UDC coa investigación de excelencia
Dende a UDC salientan que “a incorporación de Salvador Naya a este órgano internacional supón un recoñecemento á súa traxectoria investigadora e reforza a presenza da Universidade da Coruña nos espazos europeos de reflexión e decisión sobre a comunicación científica”.
En España, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades participa en Open Research Europe a través da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), en liña cos obxectivos da Estratexia Nacional de Ciencia Aberta (ENCA).
Con este nomeamento, o investigador do CITIC contribuirá, dende a súa experiencia científica, a orientar o futuro dunha iniciativa europea que busca impulsar un sistema de publicación máis aberto e sen barreiras, en beneficio da comunidade investigadora e da sociedade.
