
Solucionar un problema cada vez máis habitual como é o uso intensivo dos dispositivos informáticos e as molestias relacionadas cos movementos repetitivos, coas posturas incorrectas e coa realización de esforzos prolongados no tempo é a finalidade do Traballo Fin de Máster (TFM) de Doralys Torriente Aguilar (Matanzas- Cuba, 1999), alumna egresada do máster en Fabricación Aditiva, titulación interuniversitaria que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC).
A través deste TFM, deseñou un kit de ferramentas impresas en 3D orientado á prevención e á rehabilitación de lesións muscoloesqueléticas asociadas ao uso repetitivo do teclado e do rato. Entre esas patoloxías máis comúns atopamos o síndrome do túnel carpiano, a tendinite, a epicondelite lateral e a tenosinovite de De Quervain, todas elas causadas pola tensión acumulada nos músculos, nos tendóns e nos nervios das extremidades superiores.
A fabricación aditiva abre novas posibilidades para o desenvolvemento de ferramentas accesibles e personalizadas aplicadas ao ámbito da saúde.
Indo ao traballo de Doralys Torriente, baixo o título de: Deseño e desenvolvemento dun kit de ferramentas impresas en 3D para a prevención e rehabilitación de lesións por uso repetitivo do teclado e do rato, este foi dirixido pola profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Ana Ares Pernas, e máis polo investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Florian Michaud, e nel, a súa autora propón aproveitar as posibilidades da impresión 3D para desenvolver dispositivos ergonómicos que faciliten a realización de exercicios de mobilización, estiramento e fortalecemento das extremidades superiores.
Cómpre salientar unha das principais características deste TFM que é o desenvolvemento dun conxunto de ferramentas que permite traballar os diferentes movementos das mans e dos antebrazos mediante seis exercicios: peche de man, flexión dun dedo, extensión dos dedos, extensión dun dedo, rolo de pulso e torsión do antebrazo.
Tal e como explica a propia Doralys, estes dispositivos están concibidos para facilitar os exercicios de mobilización e de fortalecemento, poñendo especial atención á ergonomía, á comodidade e á facilidade coa que poden ser usados. Nesta liña, o uso da fabricación aditiva permite explorar deseños adaptables á fisionomía da persoa, modificar as características dos dispositivos, optimizar os recursos materiais e reducir os custos de fabricación en comparación con outras solucións comerciais existentes no mercado.
Engadir que este kit de ferramentas impresas en 3D foi o protagonista, este luns 26 de outubro, dunha das actividades divulgativas realizadas marco do programa Outubro Saudable, que promove a UDC Saudable. Deste xeito, o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, situado no Edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol, acolleu unha sesión na que o público asistente puido coñecer de primeira man as ferramentas desenvolvidas e probar os seis exercicios propostos.
