
Visual Trans, compañía tecnolóxica galega especializada en software para transitarios, axentes de carga e operadores de loxística internacional, iniciou a súa expansión en Latinoamérica coa entrada no mercado mexicano. A operación artétallase e a través dun acordo de distribución cun socio local e supón, en palabras da firma, “o primeiro paso da nosa estratexia de internacionalización”.
O desembarco en México chega tras un período de intenso crecemento para a empresa pertencente ao Grupo Visual MS, que nos últimos anos reforzou o seu liderado nacional coas adquisicións de Transgés (2019) e da catalá DeiWorld (2025), e que hoxe conta con máis de 400 clientes e 5.000 usuarios en máis de 25 países.
“Tras 27 anos acompañando a expansión dos nosos clientes por todo o mundo, chegou o momento de dar un paso máis e apostar de forma proactiva cun investimento directo. En México déronse todos os ingredientes e o escenario perfecto para iniciar o noso crecemento en Latinoamérica”, afirma Pablo Cruz, director executivo (CEO) de Visual Trans vForwarding.
A elección de México como primeiro mercado internacional responde a unha análise estratéxica da compañía. “O país”, sinalan, “é hoxe un dos grandes enclaves loxísticos de América: conta cunha ducia de tratados de libre comercio —con Estados Unidos e Canadá á cabeza—, máis dun centenar de portos marítimos, 76 aeroportos e unha extensa rede ferroviaria e de estradas, o sector loxístico representa unha parte significativa do PIB mexicano e presenta aínda unha ampla marxe de dixitalización, o que abre unha xanela de oportunidade para solucións especializadas como as de Visual Trans”.
Ademais, Lantia Marítima, unha das principais empresas españolas do sector transitario conta con tres sedes estratéxicas en México (México DF, Guadalaxara e Mérida). Segundo sinalou Rubén Pérez, director xeneral de Lantia Marítima, “a expansión de Visual Trans cara a México é unha excelente noticia para o sector loxístico nacional. Ao integrar a súa tecnoloxía na nube e intelixencia artificial na xestión de transporte, as empresas mexicanas gañan unha ferramenta clave para reducir erros operativos, axilizar trámites e elevar a súa competitividade nun mercado global cada vez máis esixente”.
Pérez ademais sinalou que “o software de Visual Trans chega a México para acelerar a transformación dixital de transitarios e operadores loxísticos. A súa capacidade para centralizar a administración e asegurar o cumprimento fiscal nunha única plataforma non só optimiza os tempos de entrega, senón que consolida a México como un nodo loxístico eficiente e de confianza”.
A compañía levará ao mercado mexicano vForwarding, a súa solución de nova xeración para a xestión integral da operativa de tránsito: cotizacións, expedientes de importación e exportación, conectividade con navieiras e aeroliñas, xestión documental, facturación e módulos de valor engadido como o seguimento avanzado de embarques ou a medición de pegada de carbono.
A expansión vai acompañada dun investimento na adaptación do produto á normativa mexicana así como en mercadotecnia, formación e acompañamento comercial sobre o terreo. Para a comercialización e o servizo local, Visual Trans apoiarase en Gurusis, firma mexicana con coñecemento do tecido empresarial do país, seguindo un modelo que combina “a proximidade dun socio local co control de produto e a supervisión técnica desde a sede galega”.
“A nosa motivación diaria é crear un proxecto duradeiro. Por iso, en México non só completamos a localización do produto para cubrir desde a prospección comercial ata a contabilidade, senón que apostamos por un despregamento humano sobre o terreo para garantir o éxito de cada implantación”, engade Pablo Cruz.
