
Apple presentou o novo MacBook Pro con pantalla PROLED XDR, o que supón unha renovación do equipo portátil insignia da marca integrando unha pantalla OLED en tándem que alcanza os 2.000 nits de brillo e un contraste de 10.000.000:1. A nova xeración introduce por primeira vez o control táctil nos portátiles Mac, incorpora os chips M5 Pro e M5 Max e estrea a illa dinámica en macOS, aínda que para os incondicionais da marca resulta máis relevante a recuperación do logotipo iluminado cando o equipo está en funcionamento.
O novo MacBook Pro estará dispoñible en versións de 14 e 16 polgadas, cun deseño máis fino e lixeiro e unha autonomía que pode chegar ás 24 horas. Apple abriu o período de reservas este 28 de outubro e prevé que os equipos cheguen ás tendas o 6 de novembro con prezos que parten dos 3.349 euros.

A pantalla PROLED XDR é unha das principais novidades da renovación. Emprega tecnoloxía OLED en tándem, con dúas capas de píxeles autoiluminados, para mellorar o contraste, a uniformidade da iluminación e a reprodución das zonas escuras, reducindo tamén os reflexos internos. A frecuencia de actualización adaptativa ProMotion alcanza os 120 Hz e pode baixar ata os 10 Hz para reducir o consumo enerxético.
O panel ofrece unha cobertura dos espazos de cor P3 e Adobe RGB, con máis dun 80 % de cobertura de Rec. 2020. Estas características están orientadas especialmente a profesionais da fotografía, a edición de vídeo, o deseño gráfico e a corrección de cor. A calibración de fábrica busca manter a precisión cromática entre unidades, mentres que o brillo de ata 2.000 nits e o tratamento contra os reflexos facilita o traballo en espazos moi iluminados. Tamén se poderá escoller un acabado de vidro nanotexturizado para unha maior redución dos reflexos.
O control táctil chega aos Mac

O MacBook Pro incorpora por primeira vez unha pantalla táctil, que permite desprazarse por páxinas, ampliar fotografías, mover elementos entre diapositivas ou organizar xanelas mediante xestos. O sensor está integrado no propio panel para reducir a latencia, e a nova bisagra proporciona maior estabilidade ao interactuar coa pantalla.
A función está pensada tamén para tarefas creativas. Os deseñadores poden debuxar directamente sobre o panel, os músicos poden tocar instrumentos virtuais e os desenvolvedores poden probar aplicacións para iOS e iPadOS no propio ordenador. O control táctil convive co teclado e o trackpad, sen substituílos.
Entre as aplicacións compatibles figuran Pixelmator Pro, Logic Pro e Final Cut Pro, ademais de ferramentas de terceiros como Adobe Lightroom, DaVinci Resolve, Blender, Cinema 4D, ZBrush, Shapr3D, Notion, Canva e Microsoft Office. Algunhas integracións estarán dispoñibles máis adiante.
M5 Pro e M5 Max para tarefas profesionais

Os novos chips M5 Pro e M5 Max concentran boa parte das melloras de rendemento. Ambos incorporan aceleradores neuronais nos núcleos gráficos para acelerar tarefas de intelixencia artificial, ademais dunha GPU renovada con trazado de raios de terceira xeración e melloras no procesamento gráfico.
O M5 Pro está orientado a cargas de traballo como a compilación de código, as simulacións científicas, o procesamento de datos e a edición de vídeo ProRes 8K. O M5 Max, pola súa banda, está pensado para proxectos de maior esixencia gráfica e permite executar localmente modelos de linguaxe de gran tamaño con miles de millóns de parámetros.
Pode equiparse con ata 128 GB de memoria unificada e ata 16 TB de almacenamento.
Máis lixeiro e con novas conexións

O MacBook Pro de 14 polgadas pesa agora 1,38 quilos, 227 gramos menos que a xeración anterior, mentres que o modelo de 16 polgadas queda en 1,82 quilos, cunha redución de 317 gramos. Os dous tamén adelgazan grazas á nova arquitectura da pantalla OLED e a un sistema térmico redeseñado.
O equipo inclúe tres portos Thunderbolt 5, HDMI, lector de tarxetas SDXC, MagSafe e conexión para auriculares. A través de Thunderbolt 5 pode manexar ata tres monitores externos co M5 Pro e ata catro co M5 Max. A conectividade sen fíos corre a cargo de Wi-Fi 7 e Bluetooth 6, mentres que a carga rápida permite recuperar ata o 50 % da batería en 30 minutos.
O sistema de son de seis altofalantes tamén se actualiza cun novo deseño de graves que ofrece un 50 % máis de profundidade. Inclúe audio espacial con Dolby Atmos e micrófonos de calidade de estudo. A cámara de 12 megapíxeles con Center Stage completa o equipamento audiovisual.
Prezos e dispoñibilidade
O MacBook Pro con M5 Pro parte dos 3.349 euros no modelo de 14 polgadas e dos 3.949 euros no de 16 polgadas. As configuracións con M5 Max comezan en 5.249 e 5.649 euros, respectivamente. A configuración máxima, con pantalla nanotexturizada de 16 polgadas, M5 Max con GPU de 40 núcleos, 128 GB de memoria unificada, 16 TB de almacenamento e adaptador de corrente de 140 watts elevaría o seu prezo ata os 16.433 euros. As reservas están abertas e as primeiras unidades estarán dispoñibles o 6 de novembro.
