
O Concello da Coruña participou hoxe en Roma no encontro AI e Amministrazioni Locali: le Sfide e le Opportunità dell’Unione Europea, organizado pola entidade italiana IFEL para analizar os retos e as oportunidades da intelixencia artificial nas administracións locais. O Concello estivo representado por Emilio Álvarez-Miranda, director da Área de Medio Ambiente, Fondos Europeos e Dixitalización, que presentou o proxecto Allocate e o seu modelo para desenvolver capacidades locais para unha IA verde e ética aplicada á cidade.
A xornada reúne en Roma representantes de institucións europeas, administracións públicas, do ámbito da investigación e académico para analizar as perspectivas de desenvolvemento da intelixencia artificial no sector público.
O programa inclúe relatorios de Carlo Corazza, director da Oficina do Parlamento Europeo en Italia; Anna Colaps, DSA Officer para Italia da Representación da Comisión Europea en Italia; Ivana Zeppa, da AI Office da Comisión Europea; e Luca Tangi, do Joint Research Centre (JRC) da Comisión Europea, así como representantes de universidades e municipios europeos.
O Concello da Coruña explicou que concibiu Allocate como “unha iniciativa de cidade e non unicamente como un proxecto tecnolóxico” e lembrou que o seu obxectivo é “xerar capacidades locais para aplicar unha IA sustentable e consciente que conecte o Concello, a universidade e as empresas para abordar retos urbanos concretos”.
Engadiu que o proxecto incorpora desde o seu deseño tres principios: o primeiro é utilizar a intelixencia artificial para mellorar a eficiencia dos servizos urbanos, anticipando necesidades e optimizando a asignación de recursos; o segundo pasa por medir e reducir o consumo enerxético das infraestruturas e dos modelos de intelixencia artificial ao longo do seu ciclo de vida; e o terceiro incorpora a privacidade, a seguridade, a gobernanza, a rastrexabilidade e o cumprimento normativo desde o inicio.
O Concello explicou que a día de hoxe o proxecto “avanza desde a fase de preparación cara á xeración de capacidades”. Así, tras completar o lanzamento e a preparación, están en desenvolvemento os casos de uso e as fontes de datos, a auditoría e o deseño da infraestrutura, as métricas enerxéticas e o cumprimento normativo. Ao mesmo tempo, comeza o despregamento da Comunidade Local de Computación, así como a incorporación e capacitación de pemes a través do primeiro programa formativo. A folla de ruta prevé continuar en 2027 coa formación, selección e desenvolvemento de solucións; abordar en 2028 as probas en contornas reais e a súa avaliación; e avanzar en 2029 cara á ampliación da escala, a transferencia e a finalización do proxecto.
O proxecto conta cun investimento de 5,5 millóns de euros. Desta cantidade, 4,4 millóns proceden do FEDER, no marco da terceira convocatoria da European Urban Initiative, e 1,1 millóns correspóndenlle á achega municipal.

