
A Universidade de Vigo, como única entidade española, está a colaborar nun proxecto europeo que busca desenvolver unha nova xeración de tecnoloxías baseadas en principios cuánticos e fotónicos para verificar a autenticidade de obxectos físicos e documentos e dificultar a súa falsificación.
Tendo en conta que a falsificación de produtos e documentos constitúe un desafío global que afecta a todos os sectores (farmacéutico, alimentario, electrónico, bens de consumo…), a evolución das ameazas dixitais e os avances da computación cuántica engaden novos retos aos sistemas actuais de autenticación e impulsan a procura de mecanismos que acheguen máis seguridade.
Neste senso enmárcase QuantumPUF, a proposta na que participa a UVigo a través do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), centro líder no desenvolvemento de tecnoloxías de comunicación cuántica para as telecomunicacións, a UVigo lidera o paquete de traballo adicado aos requisitos de seguridade e á súa implementación práctica, unha das áreas fundamentais do proxecto. “O noso principal obxectivo será estudar ata que punto estes novos dispositivos poden ofrecer garantías reais de autenticidade e resistencia á falsificación”, explica Davide Rusca, investigador do VQCC responsable da investigación.

Coordinado polo Instituto de Telecomunicações de Portugal, QuantumPUF arrancou hai apenas unhas semanas e terá unha duración de catro anos. A iniciativa reúne sete socios de Portugal, España, Alemaña, Suíza e Croacia e dispón dun orzamento de arredor dos tres millóns de euros, procedentes do programa europeo Horizon Europe, dos cales preto de 300.000 lle corresponden á UVigo.
Indo ao proxecto, sinalar que o seu nome completo é Portable Readout Quantum Physical Unclonable Functions using Luminescent Materials for Authentication e pretende avanzar no desenvolvemento de funcións físicas non clonables (PUF, polas súas siglas en inglés). Estes sistemas aproveitan as características físicas únicas dun obxecto para xerar unha identidade difícil de reproducir ou copiar, fronte ás limitacións que poden presentar outros mecanismos de autenticación convencionais. Para conseguilo, o consorcio deseñará tres tipos de PUF fotónicas: clásicas, con lectura cuántica e plenamente cuánticas. Os dispositivos estarán baseados en materiais luminiscentes, entre eles nanopartículas híbridas orgánico-inorgánicas e complexos baseados en lantánidos, cuxas propiedades ópticas permitirán codificar información a través de características espectrais, espaciais e temporais.
A finalidade é desenvolver solucións que poidan fabricarse mediante técnicas que poidan evolucionar e ser replicadas, como a impresión por inxección de tinta, e que, nas aplicacións máis prácticas, se poidan ler mediante sistemas ópticos portátiles integrados en teléfonos intelixentes. Deste xeito, QuantumPUF aspira a facilitar a verificación da autenticidade de produtos, documentos e dispositivos físicos, combinando materiais fotónicos innovadores con ferramentas criptográficas avanzadas.
E cal é o papel da UVigo neste proxecto? Pois céntrase no paquete de traballo WP5, dedicado aos requisitos de seguridade e á súa implementación práctica. O traballo consistirá en avaliar as garantías reais de autenticidade e resistencia á falsificación que achegan os novos dispositivos, desenvolver metodoloxías para analizar a súa seguridade e identificar posibles vulnerabilidades. O equipo tamén estudará como protexelos fronte a diferentes tipos de ataques, incluídos aqueles que aproveitan as imperfeccións dos dispositivos físicos.
Engadir que neste ámbito, o equipo da UVigo colaborará cos investigadores do Instituto de Telecomunicações de Lisboa e da Universidade de Xenebra, co obxectivo de integrar a análise da seguridade nas diferentes fases de desenvolvemento das tecnoloxías de autenticación.
QuantumPUF celebrou o seu encontro de lanzamento a comezos de outubro en Lisboa, coa participación dos integrantes do consorcio. Ademais da seguridade, o proxecto pretende avanzar cara a solucións portátiles e con menor impacto ambiental, capaces de adaptarse a diferentes aplicacións. A combinación de novos materiais luminiscentes, sistemas fotónicos e protocolos de seguridade permitirá explorar alternativas aos identificadores dixitais convencionais e contribuír á protección de cadeas de subministración, produtos e dispositivos nun contexto de crecente interconexión.

