
Unha análise de 104 contidos políticos falsificados con intelixencia artificial, identificados entre principios de 2025 e outubro de 2026, detectou máis ataques contra o Partido Demócrata que contra o Republicano. O estudo, publicado por Cybernews a partir de datos de Resemble AI, examina vídeos e imaxes difundidos por políticos, organizacións partidarias e actores estranxeiros.
Os demócratas aparecen retratados negativamente en 49 dos casos analizados, fronte aos 28 que ofrecen unha imaxe desfavorable dos republicanos. O presidente estadounidense, Donald Trump, compartiu 20 dos contidos examinados, mentres que candidatos, cargos públicos e grupos republicanos difundiron outros 22. As fontes vinculadas aos demócratas participaron na difusión de sete.
Entre os exemplos figuran vídeos falsos empregados para desacreditar adversarios electorais e imaxes manipuladas compartidas por Trump, como unha que representaba o expresidente Barack Obama e a súa muller, Michelle Obama, como monos. O presidente retirouna tras recibir acusacións de racismo.
A investigación tamén identificou sete casos atribuídos a actores estatais estranxeiros, entre eles Rusia, Irán e China. Porén, case o 45 % dos deepfakes procedía de fontes sen afiliación política coñecida ou cuxa orixe non puido determinarse.
O impacto electoral destas falsificacións aínda non está completamente establecido. Unha revisión de 25 estudos publicada en 2026 conclúe que os deepfakes non son necesariamente máis persuasivos que outras formas de desinformación, pero poden erosionar a confianza pública. Outros experimentos apuntan a que a exposición a vídeos políticos falsos pode reducir o apoio aos dirixentes representados, mesmo cando posteriormente se publican correccións.

