
A Universidade de Santiago fixo balance da actividade da súa Libraría Dixital e do seu Portal Dixital de Revistas dende o pasado 1 de xaneiro, unha actividade que se saldou con máis de un millón de visitas e sete millóns de descargas (respectivamente). Estes datos foron compartidos por USC Edicións, que destaca o “enorme volume” de transferencia de coñecemento e investigación xerado na Universidade, tal e como apunta o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés.
En concreto, a Libraría Dixital da USC rexistrou 1.100.000 visitas dende o 1 de xaneiro deste ano, cunha media de 5.000 diarias e picos conxunturais de 15.000 nun mesmo día. Dos 1.700 títulos dispoñibles editados pola institución, impresos ou dixitais e distribuídos en 60 coleccións, un pouco máis da metade están en comunicación pública a través de acceso aberto gratuíto.
En canto á vertente comercial, cada persoa rexistrada no portal fai unha compra de 6,04 euros de media nun global de 250 pedidos, “unha cantidade nada desprezable se temos en conta a tremenda presión de Amazon na venda en liña de libros”, explica o director de Edicións USC.
Portal Dixital de Revistas da USC
En canto ás revistas que a USC mantén no seu Portal Dixital de Revistas, editadas todas elas en formatos PDF e XML e acceso aberto gratuíto, “os datos son aínda máis rechamantes”, explica Blanco Valdés, engadindo que “para o mesmo período o portal rexistrou 6.019.606 de visitas cun total de 7.085.965 de descargas de artigos”. Neste senso, destacan algunhas revistas como Innovación Educativa, Ágora. Papeles de Filosofía ou Estudios Penales y Criminológicos, que pasan con moito do medio millón de artigos descargados.
Para o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, “estes datos tradúcense nun volume de transferencia de investigación e coñecemento xerado na Universidade de enorme calado, que, ademais de aliñar a propia institución, como universidade publica, nas esixencias das directrices nacionais e europeas en materia de ciencia aberta (Open Science), manifestan o valor e dimensión da editorial universitaria en termos de impacto, difusión e internacionalización da investigación, a cultura e o coñecemento xerados na USC”.

