
Binance recoñece que sufriu un incidente de seguridade que podería ter provocado perdas estimadas en 6.300 millóns de dólares (uns 5.624 millóns de euros). A cifra, aínda pendente de confirmación definitiva, convertería o ataque nun dos maiores roubos da historia das criptomoedas, moi por riba dos 1.500 millóns de dólares subtraídos en 2025 á plataforma Bybit.
A investigación inicial apunta a que o ataque puido comezar co compromiso do portátil dun enxeñeiro do equipo DevOps de Binance. Desde ese dispositivo, os atacantes conseguirían acceder a un contedor de servizo e enviar operacións de retirada de fondos non autorizadas. A plataforma asegura que non atopou indicios de que se filtrasen claves privadas das carteiras.
Binance afirma que xa conseguiu conxelar arredor de 3.000 millóns de dólares dos activos afectados mediante a colaboración con distintos socios da cadea de bloques. Entre as intervencións destacan as de Tether e Circle, que inmobilizaron fondos vinculados ao ataque. As primeiras informacións apuntaban a cantidades próximas aos 971 millóns e 823 millóns de dólares, respectivamente.
A plataforma comprometeuse a asumir a totalidade das perdas mediante o seu fondo de protección de usuarios SAFU e recursos propios. O seu fundador, Changpeng Zhao, que xa non xestiona directamente Binance, asegura que todos os fondos dos clientes están seguros.
Como medida preventiva, Binance revogou as autorizacións do enderezo afectado e suspendeu temporalmente os depósitos e as retiradas mentres completa as revisións de seguridade. Tamén contactaron coas forzas policiais e con empresas especializadas en intelixencia sobre cadeas de bloques para rastrexar os movementos e tratar de recuperar os activos. A plataforma prevé publicar unha nova proba de reservas unha vez rematadas as tarefas de corrección.
A autoría do ataque aínda non está confirmada oficialmente. Non obstante, varios informes apuntan a Corea do Norte. A empresa de análise de cadeas de bloques TRM Labs atribuíu a operación ao grupo TraderTraitor, vinculado ao país asiático, cun alto grao de confianza e a partir de información obtida tanto dentro como fóra da cadea de bloques.

