
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Consellería de Educación e Ciencia, Carmen Cotelo, presentou os Orzamentos 2027 do seu departamento, que, segundo dixo, permitirán activar, entre outras cuestións, dúas novas liñas de apoio para proxectos colaborativos en biotecnoloxía e deep tech (IA e tecnoloxías cuánticas) e captar máis investigadores a través do programa Oportunius.
Cotelo engadiu que a nosa Comunidade afianzará o seu papel destacado no ámbito europeo nestas áreas de alta especialización a través do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), co novo supercomputador Finisterrae IV, e o despegue da Fábrica de IA One Health, que contará tamén cun computador de altas prestacións.
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) contará así cun total de 110 millóns de orzamento para o vindeiro ano, un 2,2% máis. Cotelo destacou que se actúa en toda a cadea de valor da I+D+i, conectando talento, ciencia, capacidades tecnolóxicas, empresas e mercado.
Tecnoloxías cuánticas
As iniciativas de alto impacto nas que Galicia ocupa un lugar destacado son as vinculadas á biotecnoloxía, á tecnoloxía cuántica e á IA, incluídas no Plan Galego de Investigación e Innovación, e que concentran gran parte do orzamento, máis de 40 millóns de euros, segundo explicou Cotelo, quen apuntou que neste marco porase en marcha a factoría europea de intelixencia artificial 1HealthAI, que conecta saúde humana, animal e ambiental, vinculada ao CESGA (que contará cun novo edificio e o supercomputador Finisterrae IV).
En 2027 está prevista tamén a adquisición do supercomputador europeo asociado á factoría.
Cotelo indicou que o vindeiro ano desenvolverase a Estratexia Galega de Tecnoloxías Cuánticas para consolidar un polo galego especializado e conectado co ecosistema europeo. Entre estes proxectos está o Val Europeo de Innovación en Tecnoloxías Cuánticas, coa participación do CESGA e dunha alianza de 19 socios de nove países europeos. En Biotecnoloxía, a Xunta continuará coa Estratexia de Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, con alianzas estratéxicas coa industria e apoio ao talento.
Talento investigador

A Axencia Galega de Innovación dedicará ao impulso do talento 17,5 millóns en 2027, dos que 5,9 serán para o programa Oportunius. “Este instrumento ten demostrado un altísimo impacto. Desde 2014 investimos 21,4 M€ que se multiplicaron por 5,7 en retorno. Actualmente contamos con 28 contratados Oportunius, ao tempo que apoiamos con axudas complementarias ao total dos 47 investigadores beneficiarios das axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) en Galicia”, afirmou a directora.
Colaboración público-privada
A colaboración público-privada é outro piar nos orzamentos da Consellería, que destina 23 milóns para continuar con iniciativas como Nexos, que promove a colaboración entre empresas, especialmente pemes, en proxectos orientados ao mercado; as Unidades Mixtas de Investigación, que favorecen a colaboración entre empresas e organismos de investigación; ou Vinnovate, que apoia proxectos entre rexións europeas.
Ademais, a Xunta estreará en 2027 dúas novas liñas de apoio en ámbitos como a biotecnoloxía e as deep tech, especialmente en intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas. Estas liñas permitirán financiar novos proxectos en tecnoloxías disruptivas, “proxectos ambiciosos que conecten a capacidade investigadora galega cos sectores produtivos e cos grandes desafíos tecnolóxicos”, asegurou Carmen Cotelo.
Máis de 6 millóns para I+D+i empresarial
Estas actuacións complétanse “cunha forte aposta pola I+D+i empresarial”, con 6,6 millóns para dar continuidade ao programa Ciencia Empresa, de apoio a proxectos individuais de investigación industrial e desenvolvemento experimental, “logo do éxito da primeira convocatoria deste ano”, informou a directora de GAIN, engadindo que neste apartado contarase tamén cunha nova convocatoria de Centros de Investigación Empresarial, seguindo o modelo que permitiu implantar en Galicia os centros Mestrelab Research e BorgWarner Emissionos Systems, que mobilizaron máis de 30 millóns de euros de investimento público-privado e xeraron máis de 50 novos postos de persoal investigador.
Tamén haberá unha dotación específica de 1,3 millóns para, entre outras cousas, avanzar nos plans locais de I+D+i e que os concellos incorporen novas solucións tecnolóxicas á prestación de servizos públicos. Precisamente, os vindeiros 3 e 4 de decembro celebrarase en Santiago o primeiro Congreso Nacional de Innovación Local, organizado polo Goberno galego.
Transferencia de resultados
A transferencia dos resultados de investigación ao mercado e á sociedade é tamén clave para a Consellería, reto ao que destina 12,8 millóns. A Xunta continúa co programa Ignicia, que facilita a creación de empresas tecnolóxicas. Deste xeito, unha nova convocatoria de Proba de Concepto permitirá apoiar a chegada ao mercado, xa sexa como spin-off ou licenza á industria, dunha decena de resultados de investigación.

