
O Centro de Investigación atlanTTic da Universidade de Vigo e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleron onte unha nova edición da CITIC Cyber Competition (C3TF), un encontro para poñer a proba as habilidades en ciberseguridade das persoas participantes. A xornada, de carácter presencial, celebrouse de forma simultánea nas dúas sedes e reuniu máis de 130 persoas, que asistiron a un obradoiro sobre análise forense, coñeceron experiencias de profesionais da ciberseguridade e participaron na competición.
Formación e experiencias profesionais en ciberseguridade

A programación comezou co obradoiro Introdución á análise forense de dispositivos IoT, impartido por Rafael López García, David Diz Nieves e Pablo Rodríguez Cascón. A sesión achegou as persoas asistentes á análise forense aplicada a dispositivos da Internet das Cousas. Na apertura institucional participaron Manuel González Penedo, director do CITIC, e Javier González Castaño, director de atlanTTic. A continuación, Uxío Fuentefría, Staff Backend Engineer en SafeLabs, impartiu a conferencia principal, titulada Estamos vindo moi arriba: un percorrido pola seguridade ata a IA.
A mañá continuou coa mesa redonda Experiencia profesional das persoas egresadas do MUniCS, moderada por Rubén Pérez Jove, investigador posdoutoral do CITIC da UDC. Nela participaron Pedro Blanco Casal, do Departamento de Sistemas de Comunicación Seguros de Indra Group; Pedro Fernández-Arruti Gallego, Cybersecurity Senior Consultant en Tarlogic; Diego Pérez Cordeiro, do Departamento de Seguridade de Technica Engineering Spain; Rosa Seoane, directora de Solucións de Negocio Dixital de Abanca; e Javier Suárez de Vivero, Project Manager en Plexus. A mesa redonda permitiu compartir experiencias e traxectorias profesionais vinculadas á ciberseguridade.
Capture The Flag: dos cadeados á criptografía cuántica

Pola tarde celebrouse a competición C3TF en formato Capture The Flag (CTF), unha modalidade na que as persoas participantes resolven desafíos de ciberseguridade para atopar a bandeira, un código que acredita a resolución de cada proba. Durante catro horas, os 46 equipos, formados por un máximo de tres persoas, dispuxeron de máis de trinta retos de distintas categorías e puideron decidir libremente como repartirse o traballo e cales abordar. A puntuación de cada desafío axustouse ao número de equipos que conseguiron resolvelo: as probas superadas por menos equipos outorgaron máis puntos, incorporando así un compoñente estratéxico á elección dos retos.
Segundo confirmaron o CITIC e atlanTTic, as probas abrangueron distintas áreas da seguridade informática, desde as aplicacións web e as redes ata a criptografía, a análise forense e a enxeñaría inversa. Os desafíos incluíron tarefas como identificar vulnerabilidades en páxinas web, analizar programas executables para comprender o seu funcionamento e detectar fallos, localizar información oculta en ficheiros ou investigar fontes públicas, como redes sociais e blogs.
Como novidade, esta edición incorporou retos físicos que trasladaron parte da competición fóra das pantallas. As persoas participantes tiveron que abrir cadeados de distintos tipos mediante técnicas de lockpicking, sen utilizar a chave, e resolver probas con cadeados de combinación numérica. Ademais, cada equipo recibiu unha tarxeta NFC que debía inspeccionar e modificar para que un dispositivo da organización validase a solución.
Tamén se estrearon retos de intelixencia artificial e unha proba de criptografía cuántica, cuxo obxectivo era obter a chave dunha comunicación baseada na distribución cuántica de chaves (QKD), a partir de información codificada en estados cuánticos.

Ao remate da competición entregáronse tres premios financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade. O primeiro premio, dotado con 1200 euros, recaeu no equipo Tr0y4n1z4d0s, integrado por Eloy Sastre Sobrino, Pablo Diz de la Cruz e Daniel Pérez Mosquera. O segundo posto, cun premio de 900 euros, foi para CaB, formado por Martín González Dios, Sabela Pérez Quintana e Asier Cabo Lodeiro. O terceiro premio, de 600 euros, correspondeulle a We Buy Ducks, composto por Jan Duinkerken Rodríguez, Xabier Iglesias Pérez e Jesús Ferreira Rodríguez, que competiron dende a sede de Vigo.
Unha organización conxunta entre a UDC e a UVigo
A cuarta edición da C3TF foi organizada por persoal investigador do CITIC da UDC, en colaboración con atlanTTic da UVigo e a Cátedra R en Ciberseguridade. O encontro contou co apoio da Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, a Facultade de Informática da UDC, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, o Máster Interuniversitario en Ciberseguridade (MUniCS) e os grupos de investigación RNASA-IMEDIR e LIA2. O comité organizador estivo integrado por Carlos Dafonte, Francisco J. Novoa e José Vázquez Naya, da UDC, e Manuel Caeiro Rodríguez e Ana Fernández Vilas, da UVigo.
Os retos da competición foron desenvolvidos por Martiño Rivera Dourado, Rubén Pérez Jove e David Soler García, vinculados ao Máster Universitario en Ciberseguridade da UDC, e por Pablo Pío Rejo Iglesias, do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo.

