
O Grupo Permanente de Igualdade do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña desenvolveu durante o mes de outubro unha intensa actividade internacional, participando en distintos encontros europeos centrados na igualdade de xénero, o talento dixital e a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico.
Estas iniciativas permitiron dar a coñecer as accións impulsadas polo CITIC, intercambiar boas prácticas con representantes de institucións europeas e explorar novas oportunidades de colaboración en materia de formación dixital, investigación e innovación.
O primeiro encontro tivo lugar o pasado 6 de outubro en Bruxelas, onde María Suárez Taboada, investigadora do CITIC, e Alexia Díaz Cerceda, xestora da área de Proxectos Internacionais do centro, participaron nunha reunión de traballo con representantes da European Vocational Training Association. O encontro tivo como obxectivo identificar sinerxías liñas de colaboración para o desenvolvemento de propostas de proxectos europeos de cara a 2027, especialmente nos ámbitos das TIC, as competencias dixitais e a igualdade de xénero no sector tecnolóxico. Durante a xornada, as representantes do Centro compartiron as súas liñas de traballo e abordaron cuestións como a redución da fenda de xénero e o impulso dunha formación dixital máis inclusiva.

Posteriormente, o 12 de outubro, en Porto, unha delegación do Grupo Permanente de Igualdade, integrada por Blanca Padín, Beatriz Botana e Alexia Díaz Cerceda, asistiu á mesa redonda Women in Manufacturing: AI, Data and Robotics, celebrada no espazo WOW durante a recepción de benvida do ADRF 2026. Organizada por STRADA Women in Manufacturing e moderada por Gema Antequera, a sesión reuniu expertas en intelixencia artificial, datos e robótica para analizar os retos da transformación tecnolóxica do sector industrial.

Neste contexto, as representantes do CITIC intercambiaron impresións con Marina Geymonat, responsable do Laboratorio de Intelixencia Artificial de Leonardo, e Ljiljana Stojanovic, responsable do grupo de investigación Smart Factory Systems de Fraunhofer IOSB.
Segundo informou o centro da UDC, o encontro “permitiu presentar as iniciativas do Grupo Permanente de Igualdade e reflexionar sobre a necesidade de reforzar a participación das mulleres no desenvolvemento e na aplicación de tecnoloxías emerxentes, así como nos procesos de investigación e innovación”.

A actividade internacional continuou os días 15 e 16 de outubro en Dublín, coa participación de María Blanca Padín Viaño, María Suárez Taboada, Beatriz Botana Barreiro e Alexia Díaz Cerceda nos Digital Talent EU Days 2026, celebrados na Trinity Business School, no marco da reunión anual do Women in Digital Forum.
O CITIC contou cun stand propio desde o que difundiu as súas iniciativas de igualdade de xénero, entre as que destacaron a carta de compromiso individual coa igualdade na investigación e o programa de mentoring con referentes femininos dirixido ao persoal predoutoral internacional.
A carta recolle o compromiso voluntario de quen a asina de declinar invitacións a actividades científicas exclusivamente masculinas cando non se realizase un esforzo evidente por alcanzar un equilibrio de xénero.
Durante o encontro, a delegación mantivo contactos con representantes da Comisión Europea, a AI Office of Ireland, a Axencia da Unión Europea para a Ciberseguridade (ENISA), distintos departamentos da Administración irlandesa e o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, entre outras institucións e organizacións europeas. Tamén intercambiou experiencias con representantes de BluSpecs, EVTA e 28DIGITAL, así como con integrantes dos grupos de traballo do Women in Digital Forum.

Neste marco, o centro da UDC destacou especialmente a participación de María Luz Castro Pena, investigadora do CITIC, como experta do grupo de traballo TWG4, dedicado aos enfoques interseccionais. Este grupo analiza como o xénero interactúa con outros factores, como a discapacidade, a idade, a orixe ou a situación socioeconómica, e como estas circunstancias condicionan o acceso á formación, ao emprego e aos postos de liderado no ámbito dixital.
En palabras do CITIC da UDC, “a nosa presenza nestes tres encontros europeos permitiunos compartir as nosas experiencias e boas prácticas, ampliar a nosa rede de contactos institucionais e científicos e identificar novas oportunidades de colaboración”.
Así mesmo, contribuíu a visibilizar a importancia de incorporar a perspectiva de xénero aos procesos de transformación dixital e ao desenvolvemento das tecnoloxías emerxentes.

