
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) manifestou nun comunicado o seu apoio á proposta de Lei da Enxeñaría presentada o pasado 18 de setembro polo Instituto de Graduados en Ingeniería e Ingenieros Técnicos de España (INGITE).
O Colexio entende que “o novo marco é unha ocasión histórica para modernizar a profesión, aliñala con Europa e pór en valor a Enxeñaría Técnica en Informática, a única rama da enxeñaría que segue sen atribucións profesionais recoñecidas”.
A entidade profesional galega lembra que a proposta do INGITE “parte dun diagnóstico que no CPETIG compartimos”. E engade: “O sistema español de enxeñaría segue ancorado en estruturas de hai máis de medio século, e a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior quedou incompleta; o resultado é un modelo fragmentado, difícil de entender para estudantes, familias, empresas e ddministracións”.
A futura lei artéllase sobre catro piares que o Colexio respalda: aliñamento europeo (homologando a enxeñaría española cos estándares de Engineers Europe e a certificación EUR ING, para facilitar o recoñecemento e a mobilidade dos profesionais), certeza académica (que implica reservar a denominación “Enxeñaría” a títulos de polo menos 240 ECTS cun núcleo técnico común, e que todos eles sexan habilitantes; deste xeito acabaríase cos chamados “graos brancos”, que non permiten exercer a profesión), atribucións dinámicas (que significa pasar de atribucións fixas, ligadas ao título inicial, a un sistema baseado en competencias que medre coa experiencia, a formación continua e a especialización) e organización colexial unificada (mobilizando unha voz común para toda a enxeñaría, apoiada nun Rexistro Nacional Profesional, sen que os colexios de cada rama perdan a súa identidade nin a nosa función).
Marcos Mata, presidente do CPETIG, declarou que “desde o CPETIG apoiamos sen fisuras a iniciativa do INGITE, sempre que a Enxeñaría Técnica en Informática se inclúa en igualdade de condicións coas demais enxeñarías”.
Para o CPETIG, a Lei da Enxeñaría ten “unha importancia especial”. O colexio explica que “a informática está presente en todos os sectores, pero malia todo en España calquera persoa pode asinar un proxecto informático sen acreditar formación nin responsabilidade profesional”.
Lembran que a propia Constitución de 1978, no seu artigo 18.4, xa encomendaba á lei limitar o uso da informática para garantir a honra, a intimidade e o pleno exercicio dos dereitos da cidadanía. “Case medio século despois, aquel mandato segue sen desenvolverse para a profesión, e a ciberseguridade, a protección de datos e a intelixencia artificial fan esa garantía hoxe máis necesaria ca nunca”, sinala o CPETIG, engadindo que “a chegada da intelixencia artificial non resta valor a esta demanda; ao contrario, refórzaa, porque os sistemas de IA xa toman ou apoian decisións sobre diagnósticos médicos, concesión de créditos ou procesos de selección de persoal”.
“Canto máis autónomos son os sistemas, máis necesario é que haxa profesionais cualificados que respondan do seu deseño, da súa seguridade e das súas consecuencias, porque a tecnoloxía pode automatizar tarefas, pero non pode asumir a responsabilidade profesional”, manifestou Marcos Mata.

