
Gears of War: E-Day superou as 400.000 copias vendidas en consolas e PC durante o primeiro mes desde o seu lanzamento, segundo unha estimación publicada por The Verge. A cifra resulta especialmente baixa para unha das principais franquías de Xbox, aínda que unha parte importante dos xogadores accedeu ao título mediante Game Pass, no que estaba dispoñible desde o primeiro día.
A información procede dunha fonte consultada polo xornalista Tom Warren, de The Verge. Os datos apuntan a que o servizo de subscrición de Microsoft concentrou unha parte considerable dos accesos ao videoxogo, reducindo o número de compras individuais. De feito, as estimacións de Alinea Analytics apuntan a que arredor de 1,7 millóns de usuarios xogaron a través de Game Pass.

A consultora calculaba que uns 722.000 subscritores pagaran o complemento Premium, que permitía acceder anticipadamente ao xogo cinco días antes do lanzamento oficial, mediante un pagamento de 30 dólares. Entre o 1 e o 6 de outubro, outros 250.000 usuarios adquiriron esta mellora.
As cifras publicadas por Rhys Elliott, responsable de análise de mercado de Alinea Analytics, apuntaban a que a versión para Xbox vendera unhas 62.000 copias fronte aos 722.000 complementos Premium contratados. Isto significa que por cada copia vendida na consola se rexistraron case doce melloras de acceso anticipado a través de Game Pass.

A pesar do reducido volume de vendas tradicionais, Elliott estimaba que preto de 950.000 usuarios pagaran dalgún xeito por acceder ao xogo, xa fose mediante a compra directa ou a adquisición da edición Premium. A consultora tamén calculaba que Xbox xerara case tres cuartas partes dos ingresos totais do título.
Ante esta situación podemos entender que o servizo do Game Pass está a resultar un mal negocio para Microsoft, pois non conseguiu un volume de subscritores tal que faga que compense a erosión que provoca nas vendas dos grandes xogos de Xbox.

