
A Xunta destinará 10 millóns de euros ata 2030 a fortalecer e modernizar a Rede dixital de seguridade e emerxencias de Galicia (Resgal), o sistema de comunicacións que utilizan os servizos de emerxencias autonómicos e locais. O Consello da Xunta aprobou unha nova Estratexia de mellora da resiliencia con horizonte 2030, que prevé actuacións para garantir a continuidade das comunicacións e a súa recuperación ante situacións extremas.
O plan contempla a renovación dos sistemas troncais, o reforzo da ciberseguridade e do cifrado das comunicacións, a mellora dos sistemas de alimentación enerxética e a incorporación de estacións transportables. Tamén se impulsará a evolución tecnolóxica da rede, que actualmente funciona con terminais Tetra (o estándar europeo para as comunicacións de emerxencia), cara a un modelo híbrido que permita integrar a telefonía móbil e avanzar na interoperabilidade coa banda larga 5G.
A partida máis importante, de 5 millóns de euros, servirá para actualizar os compoñentes da rede Tetra e incorporar novas funcionalidades e medidas de seguridade que garantan a continuidade dos servizos críticos. Outros 1,7 millóns destinaranse a reforzar as infraestruturas de soporte e os sistemas que permiten manter as comunicacións ante interrupcións eléctricas graves.
A Xunta reservará algo máis de 1,2 millóns de euros para adquirir estacións transportables, coas que será posible restablecer ou ampliar rapidamente os servizos de comunicacións en zonas afectadas por catástrofes. Ademais, investiranse algo máis de 1,1 millóns no desenvolvemento e probas dun sistema que permita avaliar a integración e interoperabilidade entre as redes Tetra e 5G. O resto do orzamento cubrirá a adquisición de novos terminais e a instalación de estacións de radio base para mellorar a cobertura.
Resgal está xestionada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a través de Retegal e proporciona servizo aos organismos autonómicos e ás entidades locais que participan na xestión de emerxencias. Entre os seus usuarios figuran o 112, a Policía autonómica, o 061 e o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, ademais de policías locais, bombeiros e agrupacións de protección civil.
A rede rexistrou en 2025 preto dun millón de chamadas internas, case un 67 % máis que en 2019. Máis da metade das comunicacións concentráronse entre xullo e setembro, coincidindo coa campaña de alto risco de incendios forestais. Na actualidade, máis de 6.300 profesionais e responsables da xestión de emerxencias dispoñen de terminais Tetra: máis de 5.000 pertencen á Xunta e outros 1.200 corresponden a entidades externas.
Os terminais ofrecen cobertura no 90 % do territorio galego e no 97 % das áreas poboadas, cunha atención específica ás zonas rurais e aos territorios con maior risco de incendios. A infraestrutura está formada por 105 estacións base fixas, catro repetidores adicionais e unha estación base transportable. A súa capacidade actual permite dar servizo a ata 8.000 usuarios, ampliable ata 12.000.
Un total de 125 entidades alleas á Administración autonómica están adheridas a Resgal. Entre as incorporacións recentes figuran os concellos da Coruña e Ourense, mentres que Santiago de Compostela e Ferrol teñen prevista a súa entrada na rede o 1 de xaneiro de 2027.

