
O nodo galego de conectividade Conectivi.gal, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vén de elaborar un catálogo de solucións tecnolóxicas para as administracións e os servizos públicos que empregan tecnoloxías de telecomunicacións.
Segundo informou a axencia autonómica, o catálogo inclúe 17 casos de uso con ferramentas que empregan sensores, redes de telecomunicacións, plataformas de datos, intelixencia artificial ou realidade virtual co obxectivo de facer “unha xestión da Administración e os servizos máis eficaz, accesible e próxima á cidadanía”.
As solucións están organizadas en catro ámbitos de actuación, con catro proxectos de xestión da Administración, cinco proxectos de cidade ou vila intelixente, cinco proxectos de seguridade e mobilidade e tres proxectos de cultura, educación e turismo.
Entre os proxectos de xestión da Administración atópase un sistema para realizar auditorías na xestión de residuos, que utiliza datos de cada zona para dimensionar os recipientes de lixo, os vehículos ou o persoal necesario.
Outro dos sistemas permite a apertura autónoma de instalacións públicas como espazos deportivos, museos ou centros culturais, para que as persoas que fagan reservas poidan acceder co seu teléfono móbil sen necesidade de que haxa persoal encargado.
Outra das achegas é un proxecto de xestión agrícola baseado en datos que permite monitorizar o solo e os cultivos mediante sensores para apoiar o asesoramento agrario, anticipar pragas e axustar o uso de fertilizantes e recursos.
O resto dos proxectos deste ámbito son para controles de entradas, accesos e fluxos en edificios públicos.
Cidades e vilas intelixentes
Entre as solucións catalogadas destaca a posibilidade de realizar réplicas virtuais dun territorio para axudar na toma de decisións. O sistema crea unha representación dixital do municipio que integra datos e permite anticipar o impacto de eventos, obras ou cambios climáticos na planificación municipal.
Neste mesmo ámbito atópanse sistemas para a monitoraxe ambiental e cámaras intelixentes, xanelas virtuais para o control do tráfico ou a meteoroloxía ou a xestión remota de infraestruturas e servizos.
Seguridade e mobilidade
No catálogo tamén se atopa un sistema de marquesiñas intelixentes e transporte conectado que incorpora sensores e información avanzada nas paradas de autobús para comunicar tempos de espera reais e planificar rutas segundo os datos de uso.
Hai tamén ferramentas para a xestión de pasos de peóns, visores territoriais 3D ou control de edificios con IA para controlar consumos e seguridade.
Cultura, educación e turismo
Neste apartado destaca a posibilidade de crear un ecosistema aberto para aplicacións nun municipio, que establece unha base tecnolóxica común para crear aplicacións municipais e conectar dispositivos, evitando desenvolvementos illados e reducindo a dependencia dun único provedor.
Tamén están no catálogo un espazo de coñecemento e datos entre concellos e empresas ou un sistema para a autoxestión dixital de espazos educativos e culturais que permite reservar aulas, espazos de traballo compartido ou estudos de ensaio e acceder co móbil, o que reduce trámites e facilita horarios máis amplos.

