
Os concellos galegos continúan consolidando os servizos de administración dixital e incorporando tecnoloxías emerxentes para modernizar a xestión municipal e mellorar a relación coa cidadanía. Os sistemas conectados, a intelixencia artificial e as novas aplicacións dixitais gañan presenza nas administracións locais.
Así o recolle a Estatística da administración dixital nos concellos galegos. Edición 2026, publicada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA.
As tecnoloxías emerxentes gañan terreo
O 23,6 % dos concellos galegos utiliza sistemas ou dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados a través de Internet. A implantación da Internet das Cousas (IoT) aumentou un 9,3 % respecto de 2023. Entre os municipios que xa empregan esta tecnoloxía, o 78,3 % utiliza os dispositivos para controlar e xestionar o rego, a subministración de auga ou o saneamento, mentres que o 46,8 % recorre a eles para o alumeado público.
A intelixencia artificial tamén comeza a incorporarse á actividade municipal. En 2026, o 13,6 % dos concellos utiliza algunha solución baseada nesta tecnoloxía. As aplicacións máis frecuentes son as relacionadas coa análise da linguaxe, presentes no 90,6 % dos municipios que empregan IA, e coa xeración de contidos, utilizadas polo 72,3 %.
A contratación de servizos de computación na nube a través de Internet alcanza o 11,5 % dos concellos. O correo electrónico é o uso máis habitual entre os municipios que recorren a esta tecnoloxía, cun 81,9 %, seguido do aloxamento de servidores (74,3 %) e do almacenamento de ficheiros (73,7 %).
A análise de Big Data procedente de medios sociais tamén medra, aínda que de xeito máis moderado: pasa do 7,3 % dos concellos en 2023 ao 8,1 % en 2026.
A administración electrónica está practicamente universalizada
Todos os concellos galegos dispoñen xa dunha sede electrónica, fronte ao 79,3 % que contaba con este servizo en 2017. A maioría incorpora tamén as principais ferramentas para realizar xestións a distancia: o rexistro electrónico está presente no 99 % das sedes, as notificacións electrónicas no 96,7 %, as comunicacións electrónicas no 94,8 %, os formularios electrónicos no 92,7 % e a carpeta cidadá no 90,7 %.
A contratación pública tamén avanza cara á dixitalización. Máis da metade dos municipios realiza exclusivamente por medios electrónicos os seus procedementos de licitación, mentres que o 39,3 % asina convenios e contratos unicamente por esta vía. Ademais, o 32,4 % permite completar integramente por Internet a maioría dos trámites dispoñibles.
As ferramentas destinadas á xestión administrativa interna presentan igualmente unha implantación elevada. A facturación electrónica está dispoñible no 92,4 % dos concellos; a emisión de documentos administrativos electrónicos, no 90,7 %; a xestión automatizada de trámites, no 85,9 %; e a integración na rede SARA, no 86,7 %.
Medra a retransmisión dixital dos plenos municipais
As aplicacións fundamentais para o funcionamento dos concellos están practicamente implantadas na totalidade das administracións locais. Todos dispoñen dunha ferramenta para o rexistro da entidade, o 99,2 % conta con solucións de contabilidade e o 98,7 % utiliza aplicacións para xestionar o padrón de habitantes. A xestión de expedientes alcanza unha implantación do 97,5 %.
A maior evolución dos últimos tres anos corresponde ás aplicacións para a xestión e retransmisión en liña dos plenos municipais. A súa presenza pasou do 26,2 % dos concellos en 2023 ao 43 % en 2026, un incremento relativo do 64,1 %.

