
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica Galicia Avanza ten en marcha a súa quinta edición, na que están a participar 15 empresas da comunidade.
Esta iniciativa, posta en marcha en 2022 froito da colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, celebrou hoxe na Cidade da Cultura unha xornada coas firmas beneficiarias desta convocatoria, co propósito de favorecer contactos, detectar sinerxías e impulsar posibles colaboracións entre elas.
Durante o encontro, a directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, puxo en valor Galicia Avanza como “unha iniciativa que conecta a innovación e a internacionalización, facilitando que os produtos e servizos innovadores das pemes galegas cheguen a novos mercados”. Neste sentido, destacou a fortaleza exportadora de Galicia, que, segundo dixo, “en 2025 superou por terceiro ano consecutivo os 30.000 millóns de euros en exportacións, unha tendencia positiva que se mantén en 2026”.

Toca salientou que Galicia Avanza complementa a rede de Business Factories da Xunta, reforzando o acompañamento ás empresas para transformar a innovación en novas oportunidades de negocio e crecemento internacional.
No transcurso do evento informouse sobre os avances acadados nos últimos meses coas empresas beneficiarias, que accederon en setembro a un programa integral de apoio á internacionalización que se prolongará ata xuño de 2027, guiadas por un equipo de asesores especializado.
Estase a traballar na protección internacional das súas marcas e deseños industriais, na realización de estudos e prospección de mercados, na confección de axendas internacionais e noutros aspectos considerados esenciais para a súa aceleración internacional.
Ata o momento detectáronse un total de 18 países como mercados potenciais aos que as empresas seleccionadas desexan orientar a súa internacionalización, destacando en particular Francia, Portugal, Alemaña e Italia; ademais de EEUU, Países Baixos, Bélxica, Chile, México, Brasil, Canadá, Colombia, Irlanda, Xapón, países nórdicos, Reino Unido e República Dominicana. Nos vindeiros meses, unha vez deseñados os itinerarios personalizados para cada unha das pemes, definirase cara a onde centrarán os seus esforzos, ao tempo que se determinarán as súas necesidades específicas.

Unha das principais finalidades do encontro celebrado hoxe é que as empresas beneficiarias mantiveran relación entre elas co fin de lograr colaboracións futuras. A cada unha das pemes entregóuselle un pasaporte de Galicia Avanza. No espazo destinado ao netwoking, cada mesa simbolizaba un país, de maneira que os representantes das pemes dirixíanse a aqueles que teñen identificados como mercados potenciais. Deste xeito, compañías de sectores moi diferentes entre si (como as novas tecnoloxías, a alimentación ou o téxtil, entre outros) tiveron a oportunidade de manter contacto e poñer ideas en común. Segundo ían interactuando nesta dinámica de relacións, ían engadindo empresas de interese ao seu pasaporte.
Así, o programa, ademais de centrarse no desenvolvemento de itinerarios individuais e personalizados con cada empresa, destinados a apoiar a chegada ao mercado exterior de solucións innovadoras galegas, tamén busca fomentar as sinerxías entre as diferentes pemes participantes.
O programa Galicia Avanza xa impulsou nas súas catro edicións anteriores a internacionalización de 111 pemes galegas innovadoras. A esta iniciativa dedicouse nestes catro anos un investimento global que supera os 4 millóns de euros.

