
O centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) participa nunha investigación que abre novas posibilidades para o desenvolvemento das comunicacións seguras do futuro. O traballo, realizado xunto ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), atlanTTic da Universidade de Vigo e Tecnalia, demostra a viabilidade de conectar redes de comunicación con seguridade cuántica situadas en diferentes territorios para que funcionen de forma conxunta.
Segundo explica o ITG, “cada vez que facemos unha transferencia bancaria ou enviamos un documento confidencial, a información viaxa cifrada con claves que a chegada dos computadores cuánticos ameaza con romper”. Unha das respostas a este desafío é a distribución cuántica de claves (QKD, polas súas siglas en inglés), “pero esta perde eficacia coa distancia e as súas ligazóns son caras, polo que o máis probable é que as redes cuánticas medren como illas rexionais que haberá que conectar a través das redes clásicas”, engade o ITG, apuntando que “o desafío está en facelo sen perder a seguridade polo camiño”.
A investigación logrou precisamente o devandito: conectar redes situadas en Galicia e Euskadi, a máis de 500 quilómetros de distancia, combinando tecnoloxías cuánticas e novas ferramentas de protección deseñadas para facer fronte aos desafíos da futura computación cuántica. “O resultado supón un paso adiante para que distintas redes poidan interoperar entre si mantendo os máximos niveis de seguridade”, explican dende o ITG.

“As comunicacións críticas dun país non poden depender de tecnoloxías que non controla. Que Europa avance cara a unha rede cuántica ultra-segura que conecte a todos os seus estados membro é unha cuestión de soberanía tecnolóxica, e con este traballo demostramos que desde Galicia temos o coñecemento e as capacidades para contribuír a construíla”, sinalou Óscar González Represas, director da División de IA e TIC de ITG.
Esta colaboración dá continuidade ao traballo de ITG en comunicacións cuánticas e ciberseguridade. En 2025, o centro tecnolóxico puxo en marcha a primeira rede privada de comunicacións con seguridade cuántica do noroeste de España, entre dous dos seus laboratorios da Coruña. Ademais, conta co recoñecemento de Excelencia Cervera en computación e tecnoloxías cuánticas: a súa actividade neste ámbito, bautizada co nome ARQADE, abrangue desde o desenvolvemento de algoritmos cuánticos e híbridos para a optimización enerxética, ata solucións de ciberseguridade post-cuántica e QKD para protexer infraestruturas críticas e comunicacións tácticas.
O novo traballo enmárcase no contexto de EuroQCI (Infraestrutura Europea de Comunicación Cuántica), a iniciativa europea para despregar unha infraestrutura de comunicacións cuánticas segura que conecte a todos os estados membro da Unión Europea.
“Demostrar que redes situadas por centos de quilómetros poden funcionar de forma conxunta sen perder seguridade é un paso necesario para que esa rede continental sexa unha realidade”, lembran dende o centro tecnolóxico con sede na Coruña.

