
A Cátedra R en Ciberseguridade recibiu o premio CIBER.gal 2026 na categoría de mellor iniciativa dirixida ao tecido empresarial, un recoñecemento ao seu labor de promoción do talento e a innovación para reforzar a seguridade dixital das empresas galegas.

Susana Rey, da Oficina de Privacidade de R, recolleu o galardón esta mañá durante a primeira xornada de CIBER.gal 2026, o Encontro galego de Ciberseguridade organizado pola AMTEGA. Estivo acompañada por María Llorente, de Marketing Empresas de R, e polos directores da cátedra, Ana Fernández Vilas, da Universidade de Vigo (UVigo), e Carlos Dafonte, da Universidade da Coruña (UdC).

Rey agradeceu a distinción e destacou a colaboración entre as tres institucións: «Recollo con moito orgullo no nome de R e das Universidades da Coruña e Vigo, sen cuxo traballo e colaboración máxima ao longo destes 8 anos tería sido imposible sacar adiante o proxecto da Cátedra R en Ciberseguridade. Sen dúbida, un exemplo de coordinación público-privada esencial nos nosos días».
Creada en 2018, a cátedra naceu co obxectivo de acompañar o proceso de dixitalización cunha aposta pola formación e a investigación en ciberseguridade. A iniciativa, impulsada por R xunto coas universidades da Coruña e Vigo, renovou o pasado ano a súa continuidade e colaboración institucional.
A captación de talento TIC, a informática, a intelixencia artificial aplicada ao negocio e a seguridade dixital figuran entre as súas prioridades. O traballo desenvolvido abrangue tamén a transferencia tecnolóxica, a divulgación e a formación especializada, cunha atención crecente á innovación en tecnoloxías intelixentes e á súa aplicación práctica no tecido empresarial.
Desde a súa posta en marcha, máis de 500 estudantes participaron nas actividades formativas e divulgativas, desenvolvéronse máis de 20 accións de divulgación técnica e social e concedéronse máis de 15 premios académicos. As prácticas curriculares impulsadas pola cátedra tamén facilitaron a creación de nove contratos indefinidos.
A rede de colaboración inclúe entidades de investigación e innovación como CITIC, atlanTTic e Gradiant, así como empresas como Microsoft, Finsa, Imatia e Hijos de Rivera. Estes vínculos permiten conectar o coñecemento universitario coas necesidades tecnolóxicas das empresas galegas.
Bolsas para proxectos TIC
As bolsas para prácticas curriculares e extracurriculares constitúen unha das principais liñas de actuación. Cada ano convócanse axudas para estudantes da Facultade de Informática da UDC e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, tanto de grao como de mestrado. Os programas poden incluír a realización dos traballos de fin de grao ou de mestrado e permiten adquirir experiencia profesional en R baixo a supervisión dun titor académico.
O 70 % da dotación económica da cátedra destínase a bolsas e prácticas, mentres que o 30 % restante se reserva para actividades de visibilidade, divulgación e fortalecemento institucional.
A iniciativa tamén contribuíu á organización de encontros especializados como cybersec@gal e incorporouse a CIBER.gal en 2021. A súa actividade esténdese a programas e competicións como Talento Ciber, XoveTIC, C3TF, CTFv2, JNIC e Hacking nivel MEGA, ademais das Olimpíadas Teleco e os proxectos STEM Bach.

