
Carballo consolidará o seu espírito investigador (e comunicador) este Nadal. Trinta investigadores e investigadoras xa confirmaron a súa presenza na xornada de formación en comunicación científica que se celebrará o martes 29 de decembro no Fórum Carballo, dentro da programación do proxecto europeo Talento Quilómetro Cero, TALK0. O Concello fixo saber que a cifra “podería seguir aumentando”, xa que o prazo de inscrición continúa aberto a través da web municipal.
Para o Goberno local, “a elevada resposta á convocatoria pon de manifesto o interese do persoal investigador por adquirir novas ferramentas para achegar o seu traballo á sociedade”. A iniciativa, organizada pola Concellaría de Innovación, está dirixida a investigadores e investigadoras vinculados a Carballo, así como a persoal de universidades e centros de investigación, e pretende “mellorar as súas habilidades de comunicación e divulgación científica mediante unha formación práctica, participativa e adaptada aos novos escenarios da comunicación”.
Como explicar unha investigación complexa nunha entrevista? Como traducir a linguaxe científica para que resulte comprensible sen perder rigor? E por onde empezar á hora de divulgar ciencia nas redes sociais? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán ao longo dunha mañá de formación que contará coa participación de Luís Fraga, Manuel Rey e Yeray Folgar, tres profesionais que achegarán perspectivas complementarias sobre a relación cos medios, a comunicación científica e a divulgación dixital.
A xornada arrancará ás 10.00 horas coa benvida e presentación. Dez minutos despois, Luis Fraga conducirá unha primeira sesión baseada no role-play, na que as persoas participantes enfrontaranse a simulacións de situacións reais cos medios de comunicación. O obxectivo será practicar entrevistas e intervencións públicas nun contexto formativo e identificar claves para transmitir mensaxes de maneira clara, segura e efectiva.
Ás 10.40 horas, Manuel Rey impartirá a sesión Claves para comunicar ciencia, centrada en como achegar conceptos, resultados e terminoloxía científica a públicos non especializados sen renunciar ao rigor nin á precisión.
Tras unha pausa para o café, ás 11.50 horas será a quenda de Yeray Folgar, coa sesión Divulgar nas redes sociais, por onde comezo? A formación ofrecerá unha primeira aproximación á comunicación científica nestas plataformas, atendendo tanto á necesidade de divulgar con rigor e crear comunidade como á exposición pública que implica a presenza nas redes.
A recta final da xornada volverá estar a cargo de Luis Fraga, que ás 12.40 horas abordará Como contar a miña investigación aos medios, cunha sesión orientada a facilitar a relación entre o persoal investigador e os profesionais da información.
O peche está previsto para as 13.00 horas e a finalización da actividade, para as 13.10 horas.
