
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña confirmou a súa incorporación a One Water Alliance, unha rede internacional que promove a colaboración entre organizacións para afrontar os retos relacionados coa auga e impulsar unha xestión máis sostible e innovadora dos recursos hídricos.
Segundo informou o CITIC, a súa adhesión a esta alianza supón “unha nova oportunidade para reforzar a colaboración internacional, favorecer o intercambio de coñecemento e explorar novas vías de cooperación no ámbito da investigación e da innovación tecnolóxica aplicadas aos desafíos da auga.
A incorporación do centro anunciouse oficialmente no perfil de LinkedIn de One Water Alliance, que lle deu a benvida ao CITIC como unha das novas organizacións integrantes da rede.
En representación do CITIC, os investigadores José Luis Calvo Rolle, Francisco Zayas Gato, Héctor Quintián Pardo e José Luís Casteleiro Roca actuarán como puntos de contacto da alianza. Entre as súas funcións estarán “facilitar a coordinación coas demais entidades integrantes e identificar oportunidades para participar en proxectos e desenvolver iniciativas conxuntas”.
O CITIC lembra que One Water Alliance constitúe “un espazo de cooperación entre organizacións comprometidas coa procura de solucións aos desafíos actuais e futuros relacionados coa auga”. A incorporación a esta rede amplía a proxección internacional do CITIC e abre novas vías para aplicar as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) á resolución de retos de relevancia social e ambiental, primando o seu compromiso coa transferencia de coñecemento.
