
O Clúster do Audiovisual Galego celebra este xoves 26 de novembro, no Coruña Estudio Inmersivo (o CEI da Cidade das TIC), as xornadas profesionais da 20ª edición do I+P, Ideas para Producir, un espazo de encontro e reflexión arredor dos principais retos e oportunidades da industria audiovisual.
A programación reunirá profesionais e representantes de distintas compañías do sector para analizar cuestións de actualidade relacionadas coa produción audiovisual, a xestión de dereitos, os novos modelos de contidos e as posibilidades de negocio e colaboración nos mercados autonómico e internacional.
As xornadas abriranse coa intervención de Alfonso Blanco, presidente do Clúster do Audiovisual Galego, nun acto presentado por Fernanda Tabarés, presidenta de Pedralonga Estudios. A continuación, os asistentes poderán coñecer as instalacións de Pedralonga Estudios e unha presentación das funcionalidades do seu escenario virtual, a cargo de José Manuel Deus, director xeral da compañía.
Un dos eixes centrais da programación será a mesa redonda Xestión de dereitos e clearance na produción audiovisual: retos legais e novas contornas de produción, moderada por Fernanda Tabarés. O debate contará coa participación de Helena Suárez, avogada e socia de Écija, especialista en propiedade intelectual; Javier Vázquez, avogado de Vale & Asociados, tamén especialista nesta materia; e Verónica Buide, avogada especializada en propiedade intelectual, produtora executiva e CEO de Pulpa Rights. Os expertos analizarán os desafíos legais que afrontan as producións audiovisuais nun contexto de transformación dos modelos de creación, financiamento e explotación de contidos.
O programa continuará cun showcase centrado no papel das televisións autonómicas como axentes de produción e impulso de novos contidos. Baixo o título As televisións autonómicas en clave de produción: contidos, formatos e novas oportunidades, participarán Esther Dueñas, produtora executiva de Ficción e Cinema de 3Cat; Paola Sainz de Baranda, responsable do Departamento de Cinema de Canal Sur; e Carlos García-Verdugo, subdirector do Departamento de Análise, Rendemento e Marketing da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). O encontro permitirá coñecer de primeira man as liñas de traballo destas televisións, os seus intereses en materia de contidos e as oportunidades que ofrecen para os produtores, entre outros.
O mercado internacional terá tamén un espazo destacado nesta edición cun relatorio a cargo de José Fragoso, director de Programas de RTP1, RTP Mundo e RTP África, que ofrecerá unha aproximación ao mercado audiovisual portugués e ás súas posibilidades para as empresas e profesionais do sector.
As xornadas do I+P contan co apoio da Deputación da Coruña, co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración de Pedralonga Estudios.

