
A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolle do 23 ao 26 de novembro a quinta edición do Facom Fest, un festival organizado polo alumnado que busca visibilizar os filmes de persoas que se están a formar no audiovisual e servir de punto de unión entre o ámbito formativo e o sector profesional.
Máis alá da proxección de pezas en competición, o festival Facom Fest ofrece un programa de proxeccións, charlas, mesas redondas, coloquios, obradoiros e concursos abertos ao público xeral de forma gratuíta.
Ademais, esta edición bateu récord co número de pezas recibidas para concursar no festival, cun total de máis de 200 candidaturas.
As proxeccións celebraranse as tardes do luns ao mércores, comezando ás 16:00h. As categorías son a sección oficial galega, a sección oficial española e a sección de vídeo-clips, que se reincorpora á competición, despois de non estar presente na edición 2025, para reivindicar o valor destas pezas.
Haberá ademais unha sección non competitiva.

A sección oficial galega do Facom Fest comprende nesta edición 8 pezas marcadas pola variedade, con obras de ficción, non ficción e animación. Con pezas das facultades de Comunicación de Santiago e da Coruña, algunhas delas terán no Facom Fest a súa estrea, como é o caso de Orb, mentres que outras xa recibiron recoñecementos previos, como The making of machada sanguínea 4: A lenda do leñador, co primeiro premio da II Residencia Audiovisual Faíscas do OUFF (Ourense Film Festival).
Esta edición conta con 14 pezas dentro da súa sección española, cunha variedade xenérica tamén moi presente. Proxectaranse pezas de múltiples facultades, dende a Universidade Carlos III ata a ESCAC, pasando pola Universidade Politécnica de Valencia e a Universidade de Navarra.
Mostraranse pezas das facultades de comunicación de Santiago, da Coruña e de Vigo, entre varias outras. que recollen tanto a creación audiovisual emerxente como a escena musical galega con nomes como Aprendiz (Nicolás Hermida) ou Daniela Rey.
Facom Pitch
Outra das novidades esta edición do Facom Fest, amais da sección de vídeo-clips, é a colaboración co concurso de pitching en galego da Facultade de Ciencias da Comunicación, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística do centro. Pensado para fomentar o uso do galego no contexto profesional do audiovisual, consiste en que o concursante prepare unha presentación pública dun proxecto para realizar diante dun xurado.
A gala final deste concurso será o 29 de outubro no Auditorio da Facom ás 16:30, presentada por Patricia Santana e coa participación de Irene lourido, jesús Silva, e Andrea Villa. A Facom Band actuará como broche final do evento. O primeiro premio está valorado en 400 euros e o segundo en 200.
