
A plataforma de vídeo baixo demanda SkyShowtime, impulsada por Comcast e Skydance, confirmou o peche definitivo das súas actividades en 2027 tras completar unha revisión estratéxica que tamén suporá a saída do seu director executivo, Monty Sarhan.
A decisión foi comunicada esta semana aos traballadores mediante unha nota interna do consello de administración. Mark Neil, actual director financeiro do servizo, asumirá provisionalmente a dirección xeral durante o proceso de peche.
A clausura chega despois de varios meses de incerteza sobre o futuro da plataforma. En setembro xa transcendera que os accionistas estaban a estudar distintas opcións estratéxicas, entre elas a posibilidade de poñer fin ás operacións. As consultas cos empregados comezaron en outubro e agora confirmouse que o proceso se prolongará ata finais de 2027.
A falta de rendibilidade figura entre os principais motivos da decisión. Os accionistas consideraban que o servizo non conseguira converterse nun negocio rendible malia o importante investimento realizado no seu catálogo.
«Desde o lanzamento de SkyShowtime, o panorama do streaming evolucionou significativamente», sinala a comunicación do consello de administración. Os grandes servizos internacionais aumentaron a súa escala e os investimentos en contidos, tecnoloxía e deportes, unha situación que dificulta que plataformas rexionais poidan alcanzar a dimensión necesaria para garantir a súa viabilidade a longo prazo.
SkyShowtime naceu en 2022 co obxectivo de levar a mercados europeos os contidos de Paramount+ e Peacock. A plataforma reuniu producións destas dúas marcas, contidos de Sky Studios e creacións orixinais locais, ata alcanzar presenza en 22 mercados europeos.
O peche non será inmediato. SkyShowtime seguirá funcionando con normalidade para os seus subscritores durante o período de transición, segundo comunicou o consello de administración. A data e os procedementos concretos poderán variar en función das obrigas laborais e legais de cada país.
