
Take-Two Interactive iniciou unha ofensiva para retirar de Internet os proxectos independentes que pretenden executar Grand Theft Auto VI en PC, nunha carreira técnica que comezou tras a filtración de ficheiros dunha versión para Xbox Series do videoxogo.

O movemento máis significativo quedou reflectido nunha solicitude de retirada por infracción de dereitos de autor presentada por Take-Two ante GitHub na xornada de onte. A petición afecta ao repositorio Leonida, creado por ItsNotRexed, e a máis de 2.900 forks do proxecto. GitHub acabou procesando a reclamación sobre toda a rede, afectando a 3.007 repositorios.

Leonida definíase como unha recompilación nativa para PC de Grand Theft Auto VI a partir da versión para Xbox Series. O seu obxectivo era permitir a execución do xogo en Windows sen necesidade de esperar por unha adaptación oficial, utilizando os ficheiros da versión para a consola de Microsoft como punto de partida.
A orixe do proxecto está directamente relacionada coa filtración de material do videoxogo. Segundo a documentación presentada por Take-Two, o 20 de novembro distribuíronse publicamente ficheiros roubados dunha compilación de GTA VI para Xbox Series. Ao día seguinte apareceu o repositorio Leonida, cuxo funcionamento requiría precisamente eses ficheiros como entrada.
A solicitude legal considera que o proxecto reproduce elementos protexidos de Grand Theft Auto VI e constitúe unha obra derivada non autorizada. Take-Two tamén cuestiona que os desenvolvedores presentasen a iniciativa como unha ferramenta xenérica que simplemente requiría achegar os ficheiros do xogo, xa que entende que a súa finalidade específica era facilitar a execución dunha copia filtrada.

A reclamación invoca tamén as condicións de uso de Rockstar Games, que prohiben, entre outras prácticas, a descompilación, a enxeñaría inversa, a modificación e a creación de obras derivadas dos seus produtos sen autorización expresa.
A retirada de Leonida non puxo fin á carreira por conseguir executar o xogo en PC. O seguimento realizado por PortWatch VI permite comprobar que continúan activos outros proxectos que investigan diferentes métodos para superar as incompatibilidades entre a arquitectura de software de Xbox Series e Windows.

Entre eles figuran proxectos de recompilación estática, capas de compatibilidade e ferramentas que buscan traducir as instrucións gráficas da consola a tecnoloxías utilizadas nos ordenadores, aínda que ningunha das aproximacións documentadas conseguiu demostrar aínda unha experiencia de xogo completa e estable.
A dificultade técnica é considerable. A versión para Xbox Series depende de bibliotecas propias da plataforma, chamadas específicas do sistema e unha implementación gráfica que debe adaptarse a Direct3D 12 ou Vulkan. Tamén é necesario traducir os shaders preparados para a arquitectura gráfica RDNA 2 da consola, cun catálogo que PortWatch VI cifra nuns 26.500.
Nas últimas semanas difundiuse o rumor de que Rockstar Games podería lanzar a versión para PC de GTA VI a primeiros de 2027 para evitar que os usuarios de ordenadores persoais opten por algunha das potenciais conversións ilegais do seu xogo para non ter que agardar máis dun ano para gozar dun título que está a captar tanta atención.

