
TP-Link incorpora á súa gama de videovixilancia doméstica a Tapo C825, unha cámara de interior con resolución 2K que integra unha pantalla táctil a cor de catro polgadas. O trebello permite realizar videochamadas cunha soa pulsación e está pensado para facilitar a comunicación entre familiares, especialmente con nenos e persoas maiores.
A través dun botón físico, os usuarios poden iniciar conversas sen necesidade de manexar un teléfono. A C825 admite chamadas entre dúas cámaras do mesmo modelo e tamén permite recibir comunicacións desde a aplicación Tapo. Para empregar esta función é necesario configurar o servizo na aplicación, dispoñer dunha conta e manter a conexión Wi-Fi.

A cámara incorpora tamén funcións propias dun asistente doméstico. Na pantalla pódense consultar a hora, seleccionar fondos personalizados, modificar o tamaño dos textos e programar recordatorios para tarefas como tomar medicamentos ou realizar estiramentos.
A cámara de vilixancia grava en resolución 2K e ofrece un campo de visión diagonal de 114,5 graos. O cabezal motorizado xira 360 graos e segue automaticamente as persoas detectadas. O equipo conta con micrófono e altofalante para manter conversas bidireccionais e funciona con redes Wi-Fi de 2,4 e 5 GHz.
Para deixar de captar imaxes e sons conta cun modo de privacidade, que inclina fisicamente a lente cara arriba. Tamén permite limitar desde a aplicación as zonas que deben quedar fóra da vixilancia. A detección de persoas, animais e movementos realízase localmente, sen precisar dunha subscrición.

As gravacións quedan almacenadas nunha tarxeta microSD de ata 512 GB (non incluída) ou no servizo na nube Tapo Care, que é opcional. A C825 tamén funciona cos asistentes Amazon Alexa e Google Assistant e coa plataforma Samsung SmartThings.
TP-Link comeza a comercializar a Tapo C825 nos Estados Unidos por 149,99 dólares (137 euros), dispoñible tamén en lotes de 2 ou 3 unidades, o que supón un aforro significativo (2 unidades xuntas custan menos que 2 unidades soltas). Polo momento non se anunciou cando chegará o produto a España.

