O ano pasado Facebook estreou nos EE.UU., Reino Unido, Australia e Nova Zelandia o seu Marketplace, unha plataforma de compra-venda entre particulares completamente de balde, que estaba dispoñible tanto a través do móbil como vía web, e que meses máis adiante pasou a operar tamén en Canadá, Chile e México, dando agora un importante salto ao principiar a funcionar en 17 países europeos (Austria, Bélxica, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Hungría, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Noruega, Portugal, Suecia, Suíza e España) de xeito que podemos considerar que chegou o grande competidor de Wallapop.
Dado que o Mercado de Facebook funciona cos nosos nomes de usuario, os compradores e vendedores poden coñecer mellor con quen comercial, saber se teñen coñecidos comúns e, en definitiva, ter unha maior relación de confianza, corrixindo unha das principais eivas de Wallapop (plataforma considerada como moi pouco seria e fiable, que conseguiu o seu éxito principalmente polas súas fortes campañas de comunicación e o feito de ser de balde).
Dende Facebook aseguran que o paso mes de maio nos EE.UU. tiñan máis de 18 millóns de produtos á venda no seu Mercado, volume que non deixa de medrar, polo que parece que estamos ante un servizo que vai conseguir moi boa aceptación á hora de mercar e vender produtos de electrónica de consumo, vehículos, roupa, libros e mesmo vivendas.
Esta plataforma pode destacar tamén polo feito de propiciar as operacións de compra-venda en proximidade, xa que o seu buscador limita os resultados a produtos a unha distancia de entre 2 e 100 quilómetros como máximo. A comunicación entre o comprador e o vendedor realízase a través da mensaxería de Facebook, ofrecendo así unha maior seguridade que outras plataformas que tenden ao anonimato.
Facebook comeza a competir con Wallapop
Compartir Este Artigo
