A cadea de tendas MediaMarkt iniciou a súa actividade en Galicia en febreiro de 2008, cun avance paseniño que comezou polas grandes cidades de Vigo e A Coruña, para chegar logo a Lugo, Ferrol e, finalmente, a Santiago de Compostela, polo que quixemos achegarnos ao xerente do novo establecemento, Alfonso Chenlo, para comentar o que ofrece esta nova tenda sita no Polígono Costa Vella.
– Santiago de Compostela é a quinta tenda de MediaMarkt na nosa comunidade. Podemos entender que é a que pecha o espallamento de MediaMarkt en Galicia?
– Non, para nada. Viños con moita ilusión a Santiago, lugar no que queriamos estar dende hai tempo, pero MediaMarkt segue nun proceso de expansión grande, combinando tendas en liña e fóra de liña, e facendo que as tendas sexan o máis experienciais posible.
– Aparte da presenza en tenda, contar cun novo establecemento tamén mellora o servizo en proximidade, con facilidades como o envío a domicilio.
– Sen dúbida. Temos distintas opcións adaptadas ás necesidades que poida ter o cliente, que pode mercar pola Internet na nosa páxina web e recoller o produto na tenda, pode recollelo na tenda no seu propio coche a través do servizo de Stop&Go, pode mercalo en liña e que llo envíen á súa casa, pode mercalo na tenda e tamén que llo envíen a casa con distintos radios de 5 e 15 quilómetros de forma inmediata, e tamén pode elixir o día e franxa horaria na que recibir o seu produto. O que queremos é satisfacer ao cliente ao máximo.

– No establecemento físico, aparte dun bo inventario de produtos, que servizos ofrecedes de xeito adicional?
– A nosa tenda é a máis omnicanle, dixital e experiencial que temos hoxe en Galicia, precisamente porque queremos que o protagonista sexa o cliente e todas as experiencias que poida ter ao redor dos produtos. Neste senso temos espazos como o da realidade virtual ou o gaming onde o cliente pode interactuar; o mundo do son, onde tamén o cliente, de xeito táctil pode interactuar cos seus dispositivos coas distintas opcións que temos; tamén a zona de robótica educacional; a zona de coidado persoal; unha zona de Customer Experience onde hai un calendario de formacións grupais de balde para os clientes e tamén formacións one-to-one (adaptadas ás necesidades de cada cliente individual); é dicir, que do que se trata é de que o cliente poida vivir experiencias en cada recuncho da nosa tenda.
– O servizo técnico tamén é unha grande preocupación dos consumidores. Que achegades vós como valor engadido?
– Temos un Media Service (que todos os clientes que veñan á tenda poderán ver na zona das caixas) onde hai técnicos especializados que o que fan é reparar a pantalla dun teléfono cando está rota, se tes un problema co ordenador tentamos solucionarcho… toda esta parte pecha un círculo: dende a compra do produto ata cando, por desgraza, pode fallar. Contar con profesionais formados tecnicamente para isto segue profundando no tipo de servizo que queremos dar: todo o que necesite o cliente.

– Xa que comenta o do servizo técnico, podemos dicir que cos móbiles, ao igual que coas enfermidades, é mellor previr que curar.
– Sen dúbida. O que temos é distintas opcións de protección de pantalla, de fundas para os móbiles… son aspectos que hoxe en día, cando mercamos un teléfono, realmente valoramos.
Aproveito para dicir que coas fundas temos un servizo de personalización. Podemos personalizar as fundas dos teléfonos e calquera outro produto electrodoméstico ou outro tipo de soporte (por exemplo, para as túas fotografías, poñéndoas en distintos cadros). Se queremos dar un aire novo á neveira e pórlle unha fotografía nosa, tamén podemos. Facemos isto coa cafeteira, cun disco duro… temos distintas opcións para que teñas o produto o máis customizado posible ao teu xeito.
– Aínda que os establecementos de electrónica de consumo estaban ao comezo restrinxidos á liña branca, cada vez teñen máis presenza de produtos de informática, telefonía móbil… Cal é o segmento que está a medrar máis entre os produtos que tedes actualmente?
– Temos todo o abano de electrónica de consumo, pero tamén robótica educacional, drons, gaming… son segmentos que hoxe están crecendo de forma exponencial.
– No mundo da telefonía non notades como a xente cada vez se anima máis á compra en liña, ou percibides que o público quere tocar o produto antes de mercalo?
– A venda pola Internet para nós é unha forma máis de contactar co cliente. Se é a opción que escolle, para nós non é un problema. E na tenda damos a opción de probar os produtos.
– E agora que xa son 5 as tendas de MediaMarkt en Galicia, dende Compostela tedes como obxectivo superar a algún outro dos vosos establecementos galegos?
– Non máis aló do pique san que teñen os propios vendedores. É simplemente a paixón polos clientes e o servizo. Orgullécenos que os clientes que veñen hoxe vaian volver mañá porque quedan satisfeitos co servizo que lles damos.
