Os usuarios de equipos informáticos de Apple pode por fin actualizar a macOS High Sierra, unha nova iteración do software de sistema que mellora a estabilidade e velocidade, estrea novas prestacións e senta as bases para innovacións futuras.
O cambio máis importante que traería High Sierra sería o cambio no sistema de ficheiros nas unidades de disco compatibles (pasando do clásico HFS a APFS), aínda que ese cambio non será moi visible para o usuario final, que probablemente note máis cambios como a adopción do estándar de vídeo HEVC (H.265) para os contidos en 4K e a mellora dos gráficos coa incorporación de Metal 2. Amais, con esta actualización ábrese a posibilidade de empregar gráficas externas nos Mac que abran a porta a sistemas de realidade virtual, que por fin poderán correr en equipos de Apple.
Hai aplicacións de uso frecuente que tamén experimentan cambios, e así Fotos convértese nun potente organizador e editor de imaxes; o navegador Safari coida máis a experiencia dos usuarios permitindo bloquear que as páxinas web poidan reproducir vídeos e audio de xeito automático, así como o feito de que limita o seguimento do usuario que fan algunhas páxinas web e anunciantes; Siri adopta unha voz máis natural e expresiva; o portapapeis universal permite copiar e pegar dun Mac a outro; e moitas outras pequenas melloras que Apple adiantara en xuño, e que agora xa pode experimentar calquera usuario.
macOS High Sierra xa está dispoñible para a súa descarga
Compartir Este Artigo
