Na antigüidade a Gran Muralla Chinesa protexía o territorio de China de ataques de mongois e outras ameazas do exterior, e na actualidade o país asiático ten unha Grande Devasa Chinesa, ou sexa, un firewall que protexe de ameazas que exterior que poidan chegar a través da Internet, entendendo como ameaza calquera comentario que poida resultar crítico co réxime político ou non encaixar coa cultura local, de aí que sexa imposible acceder con normalidade a Facebook ou Instagram, plataformas ás que agora vén de sumar WhatsApp, servizo que xa ten padecido incidencias, pero que agora parece estar completamente bloqueado dentro do territorio chinés.
A cousa non remata aí, senón que tamén reforzaron a loita contra as VPN, xa que moitos usuarios (principalmente estranxeiros) recorrían a cifrar as súas comunicacións a través de servidores noutros países para poder acceder con normalidade a todos eses servizos que non funcionan dende China pero que son unha ferramenta de uso cotián para contactar con amigos e familiares.
O inicio do congreso do Partido Comunista o vindeiro 18 de outubro podería estar detrás do endurecemento das medidas censoras chinesas contra WhatsApp, e cómpre tamén dar conta de que este tipo de medidas non só buscan un control político, senón tamén favorecer o desenvolvemento de servizos locais e, de feito, o grande competidor chinés de WhatsApp, WeChat, ten 963 millóns de usuarios activos, cunha grande diferenza con respecto a WhatsApp: colaboran coas autoridades chinesas atendendo ás súas solicitudes de información.
De feito, a seguridade de WhatsApp podería ser un dos grandes motivos detrás do seu bloqueo, xa que a empresa que xestiona o servizo non garda copias das comunicacións dos seus usuarios, e ao transmitirse de xeito cifrado resulta practicamente imposible de coñecer os contidos das conversas se intervir os terminais directamente.
China bloquea totalmente o acceso a WhatsApp
Compartir Este Artigo
