Nas últimas horas están a producirse cambios en WhatsApp a nivel mundial, xa que tras varios meses de probas por fin decidiron activar unha funcionalidade reclamada dende hai moito tempo: a posibilidade de eliminar mensaxes de conversas cando se remitiron accidentalmente (por ter algún erro ou por publicarse na conversa que non correspondía).
Até o momento, cando un usuario de WhatsApp eliminaba unha mensaxe nunha conversa a acción só tiña efecto no teléfono do usuario, pero a partires das vindeiras horas (a novidade aínda está a espallarse globalmente e podería tardar bastantes horas en chegar a todo o mundo, e só tería efecto entre usuarios cunha versión actualizada da aplicación) cando eliminemos un texto ou calquera outro contido compartido nunha conversa individual ou de grupo será posible eliminar para todos, o que suporía a anulación do seu envío.
Esta nova funcionalidade non só elimina mensaxes das conversas, senón tamén das notificacións, aínda que compra destacar un detalle: o borrado para todos non afectará ás listaxes de difusión, coas que haberá que ter un coidado especial, xa que non será posible revogar os envíos.
Cando procuremos borrar unha mensaxe para todos, no caso de que non fose posible eliminar o contido dos terminais receptores, o usuario recibirá unha notificación, de xeito que terase consciencia das mensaxes recibidas ou non, evitando así confusións.
O borrado para todos non pode facerse sen límites, senón que terá un prazo de 7 minutos tras o seu envío.
WhatsApp permite revogar mensaxes ata 7 minutos despois do seu envío
Compartir Este Artigo
