Aínda que os televisores de ultra alta definición con HDR teñen prezos accesibles dende hai tempo, no caso dos proxectores de vídeo a cousa non é así, e unha da mellores opcións domésticas que atoparemos para poder gozar de cine en casa coa mellor calidade posible é o novo proxector DLP de BenQ, o CineHome W1700, que ofrece unha resolución real de 8,3 Mpíxeles (ou sexa 4K), precisión CinematicColor e HDR10 optimizado para proxección, que a primeiros do mes de xaneiro venderase en Europa a 1.599 euros.
Aínda que o prezo do proxector parece elevado, cómpre lembrar que ofrece unha resolución que en toda Galicia non ofrece ningún cine comercial, o que sumado ao HDR permite unha experiencia impresionante. Tamén resulta destacable o feito de que poida proxectar unha imaxe de 100 polgadas a só 3,8 metros de distancia e a súa lámpada teña unha vida de ata 15.000 horas, de xeito que o seu custo de posesión non sería moi elevado.
A nivel técnico podemos mencionar que ten unha luminosidade de 2.200 lumenes ANSI, unha relación de contraste de 10.000:1 e que incluso integra un altofalante de 5 watts. Tamén está equipado tanto con entrada VGA como un par de portos HDMI, de xeito que pode conectarse comodamente a ordenadores persoais, consolas de videoxogos, reprodutores de Blu-ray 4K e outros trebellos que permitan tirar proveito das posibilidades deste proxector que, pese a que o fabricante practicamente o ignore na súa posibilidade, tamén é compatible con contidos en 3D (para o que habería que adquirir lentes).
BenQ presenta un proxector 4K con HDR que custará 1.599 euros
Compartir Este Artigo

