Lance Weiler, artista transmedia, estará este mércores en Santiago para falar de como tirar partido do noso pulo creador para, combinado con tecnoloxías e contidos literarios contemporáneos, dar forma a “experiencias creativas colectivas”. Lance Weiler, referente nestes novos formatos e feituras de creación que non se deixan catalogar polas clasificacións tradicionais (no universo transmedia cada cousa que se fai ten o seu correlativo na Rede, e viceversa, e nada se concibe por e para unha única linguaxe e sen a participación dun público que tamén é co-autor) falará no Centro de Estudos Avanzados da USC ao abeiro do foro Memoria, identidade, mundo: o desafío das humanidades. O relator é director do Digital Storytelling Lab da Universidade de Columbia e figura internacional no eido da narrativa transmedia.
A intervención de Weiller, prevista para as 19.30 horas, poderase seguir en directo a través do servizo de TV da USC.
Segundo informa a Universidade de Santiago, o relator é unha das principais referencias no ámbito do cinema dixital e da innovación en formas do relato con mediacións tecnolóxicas ligadas a Internet e a procedementos dixitais e colaborativos. Ao longo da súa carreira no mundo do cinema colaborou con directores de fotografía como Conrad Hall, Darius Khondji e Harris Savides.
Ademais, participou en proxectos de carácter transmedial, con recurso á Intelixencia Artificial, a formas de realidade virtual ou aumentada e á Internet das Cousas (Internet of Things) con directores da proxección de David Cronenberg, Gore Verbinski, Marshall Herskovitz e Ed Zwicker.
Tamén ten traballado como consultor e asesor para festivais e entidades como Sundance Institute, o Tribeca Film Institute, PBS, Power to the Pixel, Screen Australia, o Festival de Cinema de Berlín, o National Film Board de Canada e o National Endowment for the Humanities de Estados Unidos.
Entre os seus últimos proxectos cómpre salientar Sherlock Holmes & the Internet of Things e Frankenstein AI: a monster made of many.
Lance Weiler amosa en Santiago o día a día dun artista transmedia
Compartir Este Artigo

