Este mércores celébrase un evento destinado a pór de relevo, achegando exemplos concretos, a importancia e o potencial das ferramentas innovadoras para optimizar o rendemento, a creatividade e o radio de alcance do noso sector téxtil. Trátase do Simposio Internacional en tecnoloxías industriais da moda, que se inaugura ao fío das 9.15 horas da man do reitor da Universidade, Julio Abalde, no salón de actos do Campus de Ferrol.
Segundo fai saber a organización (o propio Campus), o simposio ten como obxectivo “dar a coñecer o potencial tecnolóxico do Campus á industria da moda e detectar as tendencias e necesidades do sector”. Co evento tamén se quere buscar a mellor sintonía posible entre os requirimentos do sector e a UDC (con vistas ao novo grao en Xestión Industrial da Moda que se implantará o vindeiro curso en Ferrol).
O programa inclúe unha conferencia sobre a implantación do sistema RFID na industria téxtil. Como lembraremos, o sistema RFID (identificación por radiofrecuencia, polas súas siglas en inglés Radio Frecuency Identification) é unha tecnoloxía de almacenamento e recuperación de información que emprega dispositivos como etiquetas, tarxetas ou transpondedores RFID. A través destes elementos transmítese a identidade dun obxecto mediante ondas de radio, abríndose un amplo espectro de posibilidades para o ámbito da rastrexabilidade (trazabilidade) de produtos.
Ademais, o evento dará acubillo a tres mesas de debate:
· 11:00 horas. Modelos innovadores de transferencia de tecnoloxías desde as universidades e centros tecnolóxicos ao sector da moda.
· 13:00 horas. Visión compartida da enxeñaría aplicada á industria da moda. Necesidades do sector e capacidades da universidade.
· 16:00 horas. Emprendemento galego na industria da moda.
O simposio conta coa participación de investigadores da UDC, deseñadores e representantes do Cluster Téxtil Moda así como de empresas do mesmo.
O Campus de Ferrol mostra as cousas que poden facer as tecnoloxías a prol da moda
Compartir Este Artigo

