Os lectores de libros electrónicos parecen terse estancado en formatos cativos, propios do libro de peto, pero algúns fabricantes consideran interesante a oferta de tamaños máis próximos aos dos folios, para poder trasladar fluxos de traballo do papel ao dixital, pero trátanse de produtos de elevado prezo que son aínda bastante anecdóticos, e dentro destes temos unha interesante proposta, o Onyx Boox Max 2 Professional, que cun tamaño de 13,3 polgadas busca facer máis doada de xustificar a súa adquisición por contar cun modo de funcionamento como monitor.
Estamos ante un lector de libros electrónicos con pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 2.200 x 1.650 píxeles e 16 niveis de gris, que funciona como pantalla capacitiva para o seu control cos dedos, pero que tamén opera cun lapis dixitalizador Wacom, polo que pode empregarse tamén a xeito de caderno para tomar notas.
Este produto ten un procesador de catro núcleos a 1,6 GHz, 2 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno, funciona con Android 6.0 (con acceso a Google Play) e é compatible con numerosos formatos de ficheiro (PDF, ePUB, TXT, HTML, RTF, FB2, MOBI, CHM, DOC…), conta con conectividade Wi-Fi e Bluetooth 4.1, o seu grosor é de 7,5 milímetros, pesa 550 gramos e a súa batería de 4.100 mAh permítelle aguantar en espera ata 4 semanas, conseguindo así comportarse dun xeito semellante a unha tableta, pese a que a súa pantalla sexa de papel electrónico. O feito de poder conectalo a un ordenador persoal mediante micro HDMI pode resultar moi práctico para usuarios que queiran ler longos documentos no seu equipo e prefiran para iso as tecnoloxías de papel electrónico, que facilitan unha lectura máis relaxada para a vista.
O principal atranco para mercar este interesante produto é claramente o seu prezo, xa que o Onyx Boox Max 2 Professional pode reservarse actualmente a un prezo de 798,89 euros, esperándose que a súa entrega sexa a partires do 27 de decembro.
Un eReader de 13,3 polgadas pode funcionar tamén como monitor externo
Compartir Este Artigo

