Antes do verán o avogado xeral Maciej Szpunar en relación ao conflito entre a asociación profesional Élite Taxi e Uber recoñecía que pese a que Uber é unha plataforma electrónica pertence ao ámbito do transporte, polo que tería que contar coas licenzas e autorizacións requiridas en casa país da Unión Europea, e finalmente temos unha sentenza da Gran Sala do Tribunal de Xustiza da Unión Europea confirmando o que adiantaba o letrado.
Este procedemento inicouse en 2014, cando unha asociación profesional de taxistas de Barcelona demandou ante o Xulgado do Mercantil nº 3 da súa cidade a Uber Systems Spain por prácticas enganosas e actos de competencia desleal, xa que nin a compañía nin os seus condutores tiñan licenzas nin autorizacións como prevé o Regulamento Metropolitano do Taxi de Barcelona. Se o servizo de Uber fose considerado como da Sociedade da Información a denuncia non procedería, xa que estaría ligada ao comercio electrónico e non o sector do transporte, pero a sentenza de hoxe deixa claro que o servizo de Uber está indisociablemente vencellado a un servizo de transporte, polo que debe cualificarse como «servizo no ámbito dos transportes» a efectos do Dereito da Unión.
A sentenza determina así que o servizo de Uber queda ao amparo da regulación das condicións de prestación de servizo que determine cada país da Unión, sempre que se respecten as normas xerais do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
Esta decisión do Tribunal de Xustiza non foi doada, xa que é difícil establecer cando un servizo supera a liña da simple intermediación e toma unha posición activa. O Tribunal considera que Uber é imprescindible para a realización dos transportes urbanos que xestiona, ou sexa, que non só sería un intermediario e, ademais, tamén exerce unha influencia decisiva sobre as condicións das prestacións efectuadas polos condutores, de xeito que a intermediación forma parte dun servizo global no que o transporte é o servizo principal, de xeito que non respondería ao que entendemos normalmente por servizo da Sociedade da Información (suxeitos a regulamentos diferentes, rexidos principalmente por unha Directiva europea que non se aplicaría neste caso).
O Tribunal de Xustiza da UE considera que Uber debe cumprir os regulamentos de transporte
Compartir Este Artigo
