Como unha solución para captar vídeo en 360 graos dun xeito cómodo Linkflow desenvolveu coa aceleración de Samsung o que aseguran que é a primeira cámara de 360 graos en formato de banda para o pescozo, a FITT360, que permitiría así capturar momentos dende un punto de vista de primeira persoa e sen o problema de que o propio corpo da persoa que filma obstaculice a gravación.
Esta orixinal cámara que pode levarse enriba comodamente está a ter boa acollida en Kickstarter, onde a súa campaña superou sobradamente a súa meta e aínda está dispoñible para a súa adquisición a un prezo que parte de 396 dólares (319 euros), estando previsto o seu envío aos mecenas a partires do mes de outubro.
A FITT360 adopta un formato moi empregado nos últimos anos para auriculares sen fíos (que poden levarse pendurados no pescozo) e de feito, a cámara tamén integra auriculares para poder empregarse para escoitar música ou responder chamadas, converténdose así nun accesorio máis funcional que integra na súa banda 3 cámaras de alta definición e un botón de disparo, de xeito que chegaría con levar posta a cámara e premer un botón para poder rexistrar o que acontece ao redor dende unha perspectiva de primeira persoa moi fiel, e que incluso podería retransmitirse en directo a través da Rede.
A cámara podería rexistrar ata 90 minutos de vídeo en 360 graos, permitindo exportar as imaxes e vídeos captados tanto en 360 graos (4K) como en formato plano (ou sexa, coa información captada por cada unha das 3 cámaras por separado). Integra GPS, soporta calor e impactos e tamén é resistente á auga (IPX6).
Vídeo de exemplo da cámara FITT360

