Nun momento no que estamos pendentes das novidades da telefonía móbil, Canon soubo facer xirar a cabeza para botar un ollo ás súa novidades no sector da fotografía dixital, pois presentou a súa nova cámara Canon EOS M50, unha cámara sen espello que sería a primeira da marca en poder gravar vídeo 4K, contando tamén con pantalla táctil de ángulo variable e o último procesador de imaxe DIGIC 8.
Esta cámara con sensor CMOS APS-C de 24,1 Mpíxeles pode disparar de xeito continuo 10 imaxes por segundo, conta con conectividade Bluetooth e Wi-Fi (para o control remoto e a transferencia de contidos), está equipada cun sistema de enfoque automático super-rápido, permite gravar vídeo en alta definición de ata 120 imaxes por segundo (para poder logo reproducilo a cámara lenta), inclúe a posibilidade de gardar as fotografías en C-RAW (un formato RAW que permite aforrar entre un 30 e un 40% do espazo de disco) e, como vén sendo habitual nesta familia, é compatible cos obxectivos EF-M e os flashes Speedlite.
O seu prezo en EE.UU. será de 780 dólares, e chegará ás tendas no mes de abril.
Vídeo de presentación da Canon EOS M50
Innovación no flash
Pero a nova cámara sen espello de Canon non foi a única novidade impresionante da marca, senón que tamén anunciou hoxe o primeiro flash do mundo con AI Bounc, unha funcionalidade que utiliza unha nova tecnoloxía intelixente que calcula e manobra a posición da cabeza do flash de xeito automático para crear a iluminación óptima nas imaxes, o que pode resultar de grande utilidade para quen aínda está a aprender a disparar con flash.
O flash Speedlite 470EX-AI sería o que sorprendería con esta tecnoloxía que facilitaría perderlle o medo á fotografía con flash, aínda que estamos cun flash que ten moitas máis prestacións e sería compatible coa meirande das cámaras Canon EOS comercializadas a partires de 2014.
Vídeo de presentación do flash Speedlite 470EX-AI

