Este 16 de outubro comeza en Barcelona o evento IoT Solutions World Congress, unha cita encamiñada (como indica o seu nome) a tomarlle o pulo á maquinaria actual en materia de Internet das Cousas: para moitos especialistas, a tecnoloxía máis decisiva de cantas teñen xurdido nestes tempos para mellorar múltiples procesos da nova vida diaria. A feira contará coa presenza de Vodafone, que contará cun emprazamento propio de 224 m2 para mostrar solucións IOT para empresas así como os seus produtos deste eido dirixidos a particulares (a liña V de Vodafone). Con motivo da súa presenza no congreso, a operadora lembrou que a súa rede NB-IoT xa abrangue todas as cidades estatais de máis de 25.000 habitantes.
A este proceso de cobertura urbana a compañía engade un importante despregue outdoor para zonas rurais. Segundo informa, estes traballos “permiten estender as vantaxes da tecnoloxía IoT a zonas nas que ata agora non era posible implementar proxectos baseados en obxectos conectados”.
Segundo lembra Vodafone, a tecnoloxía NB-IoT mellora “de maneira significativa o consumo enerxético na transmisión sen fíos da información”, amais de aumentar a capacidade do sistema e ofrecer mellores características de propagación, polo que achega unha cobertura máis completa ca outras tecnoloxías máis tradicionais como o 2G, 3G ou 4G. A compañía salienta que as devanditas características son “especialmente útiles” no que se coñece como cobertura profunda, o que implica meirande alcance e penetración do sinal, que é quen de abranguer sotos, cuartos de contadores ou outros emprazamentos de difícil accesibilidade radioeléctrica coas tecnoloxías actuais e sen posibilidade de alimentación eléctrica. Nestes casos, sinala Vodafone, “NB-IoT fai posible duración de batería por varios anos, o cal reduce drasticamente os custos de mantemento destes sistemas”.
A compañía de telecomunicacións aproveitará a cita de Barcelona, tamén, para lembrar o seu papel de referente en despregue de rede IoT e en certificación de dispositivos. Este fito foi posible grazas ao seu laboratorio especializado en tecnoloxía NB-IoT, que permitiu cousas como a certificación de chipset e módulos no mercado e a súa garantía de correcto funcionamento baixo os parámetros dunha rede comercial real.
A rede IoT de Vodafone chega a todas as cidades españolas de máis de 25.000 habitantes
Compartir Este Artigo

