
O simposio, que naceu hai tres anos froito da colaboración entre catro centros de investigación de referencia en Galicia (o centro AtlantTIC da UVigo, o Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA; o CITIC da UDC e o CiTIUS da USC), serviu entre outras cousas para pór de relevo a ampla potencialidade do Machine Learning, un ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do AND, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio.

No transcurso da xornada presentáronse máis dunha vintena de traballos científicos, divididos en catro sesións, relativas á aplicación da aprendizaxe máquina en cuestións como a clasificación multilingüe de documentos de texto, as operadoras de telecomunicacións, a detección e o tracking de obxectos en vídeo, os modelos de hábitos de compra de clientes, as técnicas de análise de datos na industria alimentaria, a interpretación de patróns en ondas cerebrais para o control dunha cadeira de rodas, a detección automática de marcas anatómicas na arteria aorta ou a segmentación semántica de nubes de puntos de estradas.

O workshop, como dixemos, veu da man de AtlantTIC (Universidade de Vigo), que coordinou o evento coa colaboración do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CiTIUS (USC) o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e a empresa Imatia. A previsión era contar con 100 persoas (un número semellante ás edicións anteriores) pero finalmente a cifra incrementouse a 170.
Amais das devanditas entidades, participaron no evento a Rede Temática en Tecnoloxías Emerxentes da Información e das Comunicacións (RedTEIC), a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, os colexios profesionais de Enxeñeiros de Telecomunicación e de Enxeñaría Informática (AETG, CPEIG E CPETIG), o IGAPE e outras entidades entre as que están as tres universidades galegas.
A edición 2018 do Machine Learning Workshop Galicia desbordou previsións de participación
Compartir Este Artigo

