Este 22 de novembro o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) recibiu nas súas dependencias a visita do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que estivo acompañado no seu percorrido polas instalacións do centro polo reitor da UDC, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.
Na visita institucional do rexedor coruñés tamén participou (mostrando as liñas de traballo do CITIC e o importante labor do seu equipo de investigadoras e investigadores), Manuel F. González Penedo, o director do centro, quen lle tamén lle transmitiu a Ferreiro as accións de transferencia tecnolóxica realizadas dende o mesmo (achados e proxectos de valor convertidos en produtos de mercado ou en ferramentas de produción).
Na primeira parte da visita, o alcalde tivo ocasión de coñecer as dependencias do edificio CITIC 2, que acubilla as empresas estratéxicas do sector tecnolóxico coas que o centro colabora e desenvolve contratos de I+D. Máis tarde, o alcalde visitou o laboratorio de usabilidade do centro, onde mostrou interese polo funcionamento desta plataforma de observación do uso de novas tecnoloxías no fogar dixital conectado.
Xulio Ferreiro visitou as instalacións do CITIC
Compartir Este Artigo

