Máis de medio cento de persoas, entre escolares e adultos, participaron este sábado na quinta edición do Scratch Day que organizou novamente o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), no Hotel Los Abetos de Compostela. A cita, que se convocou en colaboración con AMTEGA, foi en si mesma unha porta de entrada á programación para a rapazada de entre 7 e 15 anos.
Para conseguilo, amosáronse aos participantes as utilidades de Scratch, unha linguaxe visual de programación moi indicada para introducir ás nenas e nenos nas vertentes tecnolóxicas máis creativas (polo que ten sinxeleza e de capacidade para impulsar a creatividade e o pensamento lóxico).
Segundo informou o CPETIG, a xornada consistiu nunha sesión práctica na que se mesturou aprendizaxe e entretemento, e fíxose empregando a metodoloxía da formación con adultos (as nais e os pais dos pequechos), “co propósito de que o coñecemento adquirido no Scratch Day puidese ter continuidade no fogar”. A edición deste ano incluíu tamén un obradoiro dirixido ao profesorado.
Como novidade con respecto ás anteriores edicións, os escolares participantes traballaron esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos.
O V Scratch Day tivo como obxectivo “difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade, o emprendemento e a cultura libre, e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas”.
O CPETIG puxo o foco na importancia de educar en programación no seu V Scratch Day
Compartir Este Artigo

