Os días pasados, o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) acolleu a xuntanza de lanzamento do proxecto NL4XAI, unha iniciativa internacional centrada nas ferramentas smart que conta cun orzamento de 2,8 millóns e que está coordinada polo propio centro da Universidade de Santiago, máis polo miúdo polo equipo de investigación liderado polo profesor Senén Barro.
O obxectivo de NL4XAI é achegar formación e adestramento a unha ducia de investigadores en etapas temperás (ESR) para que conten cos mellores recursos para xerar innovación e tender pontes do tecido empresarial, ao tempo que adquiren coñecementos avanzados sobre Intelixencia Artificial e sobre os pasos a dar polos sistemas intelixentes “auto-explicativos” (con capacidade de explicarse a si mesmos, ser auto-conscientes e realmente intelixentes) durante os catro anos vindeiros.
Segundo explica o CiTIUS, o NL4XAI porá o foco en achandar o camiño para xerar ferramentas e sistemas que contribúan a traducir o coñecemento en produtos e servizos tanxibles “para o beneficio económico e social”, co apoio dos sistemas de IA explicable (XAI).
Ademais, outro dos obxectivos do proxecto estará na xeración automática de explicacións interactivas en Linguaxe Natural (NL), tal e como o fan os humanos de xeito natural, e como complemento ás ferramentas de visualización (gráficas, datos numéricos, etc). “Como resultado”, explica o CiTIUS, “espérase que os ESR fagan accesible o uso de modelos e técnicas de IA, mesmo a usuarios non expertos”.
A previsión é que o plan de incorporación destes investigadores ESR, que xa está en activo, dea lugar axiña a unha oferta pública de emprego a nivel mundial, que se lanzará a principios de decembro de 2019.
O proxecto NL4XAI está composto por 17 socios de 6 países europeos diferentes (Reino Unido, Malta, Países Baixos, Polonia, Francia e España). Os socios corresponden a 3 centros nacionais de I+D (IIIA-CSIC, CNRS-LOIRA, IFIS-PAN), 8 universidades (Universidade de Aberdeen, TU Delft, Universidade de Malta, Universidade de Utrecht, Universidade de Twente, Universidade de Lorraine, Universidade de Dundee, USC) e 6 empresas privadas (Indra, Accenture, Orange, Wizenoze, Arria, InfoSuport).
De entre eles, 14 destes 17 socios estiveron representados na reunión de lanzamento celebrada recentemente en Santiago de Compostela, na que se trazou o plan do proxecto e definiron os principais puntos de acción a desenvolver nos vindeiros meses.
O CiTIUS traballará para xerar expertos en Intelixencia Artificial avanzada
Compartir Este Artigo

